A Xunta convoca un millón de euros en axudas para a plantación de arredor de 520 hectáreas de frondosas e coníferas nos montes galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural, que procura favorecer o aumento da diversidade e da superficie forestal arborada, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios
 

Deste xeito, contémplase a posibilidade de que os propietarios que teñan terreos con brotes de eucaliptais de menos de 10 cm de diámetro poidan abordar a súa transformación en masas de coníferas ou de frondosas
 

As liñas de fomento incluídas nesta orde de forestación seguen os obxectivos programáticos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas en arredor de 520 hectáreas de monte galego. O orzamento para esta liña de subvencións é de un millón de euros para o ano 2023, coa posibilidade de que o orzamento se amplíe en función das solicitudes que se reciban.

 

A finalidade destas achegas é fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas unicamente con coníferas e frondosas, favorecendo o aumento tanto da diversidade como da superficie forestal arborada, ao tempo que se reduce o risco de incendios mediante a valorización dos terreos forestais. Entre as coníferas que se promoven atópanse o piñeiro do país e o silvestre, mentres entre as frondosas se encontran o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira, entre outros. 

 

Deste xeito, na orde contémplase a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por debaixo dos 10 cm de media poidan acollerse ás achegas para transformalas en masas de coníferas ou de frondosas, incrementando deste xeito a descontinuidade e a diversidade de producións dos seus montes.

 

Así, poderán beneficiarse destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común pero tamén asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, comunidades de bens ou montes de varas. Tamén as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal, que coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia poden solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta, cos dereitos e vantaxes que implica esta figura. Así mesmo, poden beneficiarse das achegas propietarios particulares de xeito individual.

 

Con estes fondos subvenciónanse os gastos de plantación forestal e a posta en marcha da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, a zona limpa de biomasa que protexe estas novas plantacións de posibles lumes. Inclúense tamén como subvencionables os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta. Ademais, as superficies obxecto destas axudas teñen dereito a unha prima anual por hectárea para os custos de mantemento desas forestacións durante os seguintes cinco anos.

 

Plan Forestal de Galicia

Ademais, atendendo ao marcado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, nas liñas de fomento incluídas nesta orde de forestación estanse a seguir obxectivos programáticos fixados no propio Plan relativos aos servizos ecosistémicos, á conservación da biodiversidade das masas e á xestión forestal sustentable coa mobilización e incremento da produtividade dos recursos forestais galegos.

 
O enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221207/AnuncioG0426-241122-0001_gl.html

Departamento:
C. do Medio Rural