A Xunta lanza a campaña ‘Vive o Nadal con Artesanía de Galicia’ para apoiar a comercialización do produto artesán galego

A iniciativa desenvólvese ata o 5 de xaneiro co obxectivo de animar os consumidores a apostar por pezas da marca Artesanía de Galicia para os seus agasallos de Nadal
 

A campaña componse de material promocional, así como a publicación en redes sociais dun calendario de advento virtual e vídeos protagonizados por artesáns e tendas adheridas á marca

Santiago de Compostela, 6 de decembro  de 2022 A Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, acaba de poñer en marcha a campaña Vive o Nadal con Artesanía de Galicia, para animar os consumidores a apostar por produtos da marca Artesanía de Galicia para os agasallos de Nadal e apoiar a comercialización do produto artesán galego. A campaña realizarase durante todo o mes de decembro e ata o vindeiro 5 de xaneiro.

 

A través desta iniciativa, a Xunta distribuirá material promocional entre as tendas que están adheridas á marca Artesanía de Galicia, así como en eventos e mercados de Nadal de Artesanía de Galicia. Ao mesmo tempo, realízase tamén unha campaña a través das redes sociais que consiste na realización dun calendario de advento virtual no que, ata o día 24 de decembro, se irán amosando diferentes pezas da marca Artesanía de Galicia, ademais de pequenos vídeos protagonizados tanto por artesáns profesionais como por tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia, que se irán publicando ata o 5 de xaneiro.

 
O obxectivo é dobre: dunha banda presentar o produto artesanal como opción para os agasallos que se realizan ao longo do Nadal, polo seu carácter de peza única e de autor –cada peza conta unha historia– e polo seu vínculo co territorio, coa produción local e sostible e coa economía circular. Pola outra, poñer en valor o comercio de proximidade e, dentro deste, os establecementos adheridos á marca Artesanía de Galicia e que comercializan produtos dun mínimo de 5 obradoiros artesanais rexistrados.