O conselleiro do Medio Rural asistiu na localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño á oitava edición da Festa do viño espumoso da denominación de orixe Rías Baixas
A Xunta convocará proximamente as axudas para fomentar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas por importe superior aos 4,4 M€
José González lembrou que estas achegas foron aprobadas esta mesma semana polo Consello do Goberno galego, co obxectivo de mellorar o rendemento e a competitividade do sector
Reafirmou o apoio da Xunta aos consellos das producións de calidade de Galicia -entre elas o viño-, así como a tripla aposta do Goberno autonómico pola promoción e a protección desa calidade, así como polo enoturismo mediante a Estratexia sectorial
Fixo referencia á importancia da denominación de orixe Rías Baixas, a máis grande de Galicia en superficie inscrita e a primeira en volume de produción, representando o 58 % da uva total vendimada no 2022, con preto de 41 millóns de quilos recollidos
Salvaterra de Miño (Pontevedra), 4 de decembro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor a próxima convocatoria de máis de 4,4 millóns de euros en axudas para fomentar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas. Lembrou ademais que esta mesma semana foron aprobadas polo Consello da Xunta “cun obxecto claro, o de mellorar o rendemento e a competitividade do sector”.
Orzamento para promoción
Así, en primeiro lugar, en relación coa promoción, o titular de Medio Rural remarcou o esforzo neste eido, que se materializará o vindeiro ano cunha nova achega de máis de 5,4 millóns de euros nos orzamentos do seu departamento. Uns fondos que -salientou- servirán para apoiar, de forma efectiva, a presenza dos produtos galegos en feiras nacionais e internacionais e para fomentar ciclos curtos e canles dixitais –de feito, destacou que xa está funcionando o marketplace “Experiencias de Calidade”. González explicou que estes recursos tamén se destinarán a potenciar o labor de promoción dos consellos reguladores e á realización de máis campañas de promoción das producións agroalimentarias da nosa comunidade.
Na súa intervención, o conselleiro tamén fixo referencia á importancia que ten en Galicia a denominación de orixe Rías Baixas. Así, destacou que, desde a configuración do Consello Regulador–hai máis dunha década–, esta DO non deixou de medrar e, en realidade, hoxe trátase da máis grande en superficie inscrita do territorio galego.