O conselleiro do Medio Rural visitou a Semana Gandeira de Mazaricos, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
A Xunta fará en 2023 unha nova convocatoria de axudas para certames de gando bovino selecto
José González explicou que o obxectivo destas achegas é apoiar a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia, incluíndo poxas e concursos oficiais
Sinalou que a dotación inicialmente prevista para estas axudas será de 200.000 euros e afirmou que esta convocatoria é unha demostración máis do compromiso da Xunta co sector do vacún e, máis especificamente, co lácteo galego
Este apoio plásmase, dixo o conselleiro, a través das estratexias sectoriais, con axudas públicas e con medidas legais, como a Lei de recuperación, entre outras medidas
Puxo en valor o liderado de Mazaricos no eido lácteo, xa que é o primeiro municipio de Galicia en produción de leite, con case 127 millóns de litros anuais, e tamén dos primeiros en número de explotacións leiteiras, con 177 en total
A Xunta destinará o vindeiro ano 200.000 euros a unha nova convocatoria de axudas para a realización de certames de gando bovino selecto. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita á Semana Gandeira de Mazaricos, na que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Estratexias sectoriais
Neste contexto, o titular de Medio Rural aseverou que esta convocatoria de axudas é unha demostración máis do compromiso da Xunta co sector do vacún e, máis especificamente, co lácteo galego. Algo que, indicou, plásmase esencialmente nas estratexias sectoriais do leite (xa en marcha) e da carne, que se presentará proximamente. Con estas estratexias trátase de continuar avanzando na profesionalización, na mellora da rendibilidade e na defensa da excelencia dos produtos agrogandeiros, entre outros moitos obxectivos. Nesta liña, e centrándose máis no lácteo, o conselleiro puxo en valor iniciativas promovidas ao abeiro da devandita Estratexia, como os cursos de formación para gandeiros. Remarcou os cursos Gandeiros 20_30, orientados á formación empresarial do colectivo, e lembrou que precisamente estes días celebráronse estas accións formativas en concellos da provincia coruñesa, caso de Trazo ou Curtis, que se suman aos xa realizados con anterioridade e aos que se seguirán programando, avanzou.
Tamén se referiu González á apertura de liñas de crédito para atender compras de circulante, e avanzou que ao longo deste mesmo mes de decembro prevese comezar a aboar un novo pago de axudas directas da PAC de máis de 115 millóns de euros, así como o pago de desenvolvemento rural de zonas con limitacións naturais, por 20 millóns de euros, sendo Galicia, unha vez máis, das primeiras comunidades en pagar estes anticipos. Neste sentido, lembrou que xa se está facendo efectivo estes días o pagamento do anticipo das axudas directas correspondentes á campaña 2022-2023. En total, explicou, son preto de 27 millóns de euros que beneficiarán uns 6.200 gandeiros galegos. A maiores, o conselleiro advertiu que todo este esforzo compleméntase con outras actuacións, entre elas a diferenciación da produción galega mediante a marca de calidade “Leite de Pastoreo de Galicia”, que se vai poñer en marcha, ou a procura da sustentabilidade e a remuda xeracional que propicia a aplicación da Lei de recuperación da terra agraria.
Mazaricos, líder no sector de vacún
Nesta visita a Mazaricos, González recordou a posición de liderado deste concello coruñés no sector de vacún. Así, puxo en valor a existencia no territorio municipal dun censo de máis de 25.000 vacas, contabilizando tanto as de leite como as de carne. E lembrou que se trata do primeiro municipio de Galicia en produción de leite, con case 127 millóns de litros anuais, e que tamén é dos primeiros en número de explotacións leiteiras, con 177. Por último, o conselleiro referiuse ás parcelarias, destacando que en Mazaricos hai xa dez zonas de concentración rematadas e prevese entregar no 2023 os títulos de propiedade da de Santiago de Arcos. Con estes procesos rematados, concluíu, haberá máis de 6.400 hectáreas concentradas neste concello, beneficiando uns 4.700 propietarios.