Fernández-Tapias informa a veciñanza de Teis sobre o Plan de acción 2022-25 da Xunta para a ETEA cun investimento de 49 M€ e a dotación de aseos, cafetería e mantemento
A delegada territorial explicou aos colectivos veciñais, culturais e deportivos o acordo do Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito a través de catro consellerías
Os aseos públicos e o arranxo do campo de baloncesto que demandan os veciños serán solucionados de forma inminente, tal e como prometera a representante autonómica hai un mes
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou á veciñanza do barrio de Teis o Plan de Acción 2022-25 que aprobou este xoves o Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito da ETEA. Tal e como prometera na xuntanza mantida hai menos dun mes nas propias instalacións, a representante autonómica informou dos avances acordados polo Goberno galego para responder ás demandas veciñais.
Mantemento e limpeza
Por outra banda, a delegada tamén informou á veciñanza de que o mantemento de todas as instalacións da ETEA, a limpeza e a xardinaría (461.063 euros en tres anos) dos ámbitos PS-1, PS-5 e PS-6 quedarán incorporados aos contratos centralizados da Xunta a partir do 1 de xaneiro de 2023.
Ademais, a Administración autonómica continuará asumindo os servizos de vixilancia e seguridade (600.919 euros ata 2025). Tamén estuda unha solución para o posto de vixilancia, ben a través do alugueiro dunha caseta prefabricada ou habilitando un espazo nos edificios.
Centro de transformación e alumeado
A Xunta tamén construirá un novo centro de transformación (37.045 euros) que permitirá o subministro eléctrico a todo o recinto e individualizar os consumos aos diferentes propietarios. Relacionado directamente, está previsto levar a cabo unha obra de baixa tensión (60.125 euros) para dar luz aos edificios e farois do PS-1.
Urbanización e residencia de maiores
Por último, Fernández-Tapias reiterou ante os veciños que existe un orzamento de 14,8 millóns de euros para a urbanización do PS-1 e a conexión coa Avenida de Galicia, pero a Xunta segue á espera de que o Concello poña os terreos a disposición para poder levar a cabo a urbanización de vieiros e espazos libres.