Lete Lasa reivindica a categoría do Guardés na xornada de portas abertas da renovación da Sangriña na que a Xunta inviste medio millón de euros


Celebra que esta actuación estea a piques de rematar xa que a situación do Mecalia Atlético Guardés, un dos “equipos senlleiros da nosa comunidade”, precisaba unha resposta inmediata
 

A Guarda (Pontevedra), 2 de decembro de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu no día de hoxe á xornada de portas abertas da obra de renovación do pavillón municipal da Sangriña, unha actuación que conta cun orzamento de 1,87 millóns de euros (1.870.667,53 euros) dos que a Xunta achega un total de medio millóns de euros. 

Lete Lasa celebrou que esta actuación estea a piques de rematar xa que a situación do Mecalia Atlético Guardés, un dos “equipos senlleiros da nosa comunidade”, precisaba unha resposta inmediata. Neste sentido lembrou o apoio do Goberno galego ao equipo de balonmán feminino que “leva anos facendo historia no ámbito nacional e internacional” e que desde un primeiro momento reivindicou que precisaba “un pavillón axeitado á súa magnitude”. 

Cómpre lembrar que a Secretaría Xeral para o Deporte asinou e executou ata tres convenios de colaboración co Concello da Guarda en 2021 para a realización de obras en instalacións deportivas, tendo como obxecto dous deles o pavillón da Sangriña. En total, a instalación dun tratamento térmico (95.925,77 euros) así como un video marcador (24.000 euros) para o devandito pavillón e a substitución do material de cuberta e pintado do exterior do club de remo Robaleira (29.383,49 euros), supuxeron un investimento de 150.000 euros (149.309,26 euros), sendo achegado pola Xunta o 81% (120.537,82 euros).

 

Imaxes relacionadas