A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, explicou hoxe no Parlamento de Galicia a situación deste novo equipamento

A Xunta traballa para que o primeiro centro público de atención á discapacidade de Ourense entre canto antes en funcionamento

Formará parte da rede autonómica e ofertará ás familias 110 prazas públicas: 80 residenciais e 30 de atención diúrna
 

A crise xeneralizada de prezos obrigou a licitar de novo o contrato cun orzamento un 8% superior ao inicial
 

Nestes momentos xa está adxudicada a actuación para continuar coa construción do inmoble

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, manifestou hoxe que o Executivo autonómico traballa para que o primeiro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense estea en funcionamento no menor tempo posible. Díxoo en resposta a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de Galicia, na que insistiu en que este centro formará parte da rede da Xunta e ofertará ás familias 110 prazas públicas: 80 de residencia e 30 de atención diúrna.

 

Fabiola García lembrou que a crise xeneralizada de prezos freou o avance das obras e obrigou a licitar novamente o contrato cun incremento no seu presuposto do 8% para axustalo ao prezo actual dos materiais de construción, acadando os 8,2 millóns de euros. Neste sentido, asegurou que o Goberno galego actuou coa toda a celeridade posible e nestes momentos xa está adxudicada a actuación para retomar canto antes os traballos.

 

Na súa intervención, a conselleira sinalou que a Xunta destinará no 2023 máis de 165 millóns de euros á atención á discapacidade, o que supón a contía máis elevada da historia da autonomía nesta materia e un 16% máis que o presupostado neste exercicio.

 

A administración máis comprometida

Ademais, apuntou que Ourense ocupa un lugar destacado nas contas da Xunta de Galicia de cara o vindeiro ano, o que fai que sexa a administración que máis servizos impulsa. Como exemplos deste compromiso, apuntou as casas do maior —un terzo dos máis de 100 destes centros de atención diúrna gratuítos emprázanse na provincia ourensá—; a mellora das residencias públicas autonómicas do Carballiño ou Castro Caldelas —ás que se destinarán máis dun millón de euros— ou a futura residencia de maiores que a Fundación Amancio Ortega construirá, financiará e equipará na cidade de Ourense.

Imaxes relacionadas