A Xunta clausura o programa ‘O Teu Xacobeo’ con 66 eventos que mobilizaron 2 M€ na área de Pontevedra norte

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta convocatoria sociocultural, a maior da historia de Galicia, nun encontro con representantes de asociacións, clubes, empresas, concellos e artistas participantes no albergue de peregrinos de Briallos
 

“Clausuramos unha iniciativa que, ao longo das súas tres edicións, desestacionalizou e ampliou este dobre ano Xacobeo por toda a província e encheu decenas de concellos con actividades artísticas, patrimoniais, deportivas e sociais en torno ao Camiño”, destacou Luis López
 

Un total de 18 concellos da zona norte de Pontevedra acolleron os actos de O Teu Xacobeo grazas a unhas achegas da Axencia Turismo de Galicia que superaron o millón de euros nesta zona e que roldaron os dez millóns en toda a comunidade para case 700 proxectos

Pontevedra, 2 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de clausurar con éxito o programa O Teu Xacobeo, que completou este ano a súa terceira edición e que desenvolveu ata 66 eventos cunha mobilización de 2.072.595 euros nos concellos da área norte da provincia de Pontevedra.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta convocatoria sociocultural, á que cualificou como “a maior da historia de Galicia”, e fixo balance e recibíu impresións da mesma nun encontro con representantes de asociacións, clubes, empresas, concellos e artistas participantes celebrado este mediodía no albergue de peregrinos de Briallos, no Concello de Portas. Esta xuntanza contou coa presenza do alcalde anfitrión, Ricardo Martínez, e cunha trintena de representantes das entidades beneficiarias.

 

“Clausuramos unha iniciativa que, ao longo das súas tres edicións, desestacionalizou e ampliou este histórico dobre ano Xacobeo por toda a provincia de Pontevedra e encheu decenas de concellos con actividades artísticas, patrimoniais, deportivas e sociais nas que o Camiño de Santiago exerceu o nexo de común e configurouse como un elemento de singularidade para Galicia e co que se senten identificados todos os galegos”, destacou o representante autonómico.

 

O programa O Teu Xacobeo levouse a cabo en ata 18 concellos da área provincial do norte de Pontevedra grazas a unhas achegas de Turismo de Galicia que superaron o millón de euros, polo que deron cobertura a case o 50% deste investimento sociocultural. As actividades celebráronse nos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Agolada, Vila de Cruces, Poio, A Cañiza, O Grove, Rodeiro, Lalín, Valga, Ribadumia e Soutomaior.

 

“Quero destacar a implicación que houbo entre as entidades públicas, como os concellos, as privadas e aquelas sen ánimo de lucro, que participaron masivamente, con máis de 2.000 proxectos presentados nestes tres anos en toda Galicia, e que permitiron celebrar moitas actividades vencelladas ao Camiño e moitas delas de pequeno formato para amosar a diversidade cultural e para todas as idades que temos en Galicia e que se apoia, cun papel decisivo, nas rutas xacobeas sobre todo cando temos diante de nós a efeméride dun Ano Santo”, manifestou o delegado territorial.

 

Esta convocatoria sociocultural, que desenvolveu nas tres edicións ata 193 proxectos na provincia de Pontevedra -incluíndo os municipios da contorna sur en torno á área territorial de Vigo-, foi a máis grande da historia de Galicia, xa que celebrou case 700 proxectos en 220 concellos de toda a comunidade cunha mobilización de 17 millóns de euros e unhas achegas da Xunta de Galicia que roldaron os 9,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas