A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta relacionada coa practicaxe na Costa da Morte

A Xunta traballa na prestación dun servizo de práctico no porto de Cee que sexa sostible desde o punto de vista técnico e económico

A conselleira do Mar lembra que este peirao recibe unha media dun barco cada cinco días, o que obriga a Portos de Galicia a aboar compensacións ao práctico por non chegar aos ingresos mínimos fixados no contrato

O Executivo galego elaborou un prego regulador do servizo de practicaxe nos portos de Laxe, Cee e Corcubión co obxectivo de que teña todas as garantías e sexa máis acorde ás necesidades que debe cubrir

Esta solución supón recorrer á figura do práctico substituto, dado que non é preciso que os medios humanos estean de forma permanente no porto, e garante unha retribución anual estimada ao práctico de Cee de 110.000 euros anuais

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo hoxe no Parlamento que a Xunta está a traballar co obxectivo de ofrecer o mellor servizo de practicaxe posible nos portos de Laxe, Cee e Corcubión dun xeito que sexa sostible tanto económica como tecnicamente.

A titular de Mar subliñou que o porto de Cee -o principal deses tres- recibiu entre 2019 e 2021 un total de 225 barcos que requiriron o servizo do práctico, unha media dun barco cada cinco días, e a previsión de peche deste ano é aínda inferior. Nesta liña, detallou que os ingresos anuais por taxas portuarias destes barcos non chegan a 100.000 euros e as compensacións que tivo que aboar Portos de Galicia ao práctico por non acadar os ingresos mínimos establecidos na prestación sumaron 360.000 euros entre 2019 e 2021, polo que estamos ante un servizo totalmente deficitario.   

Ante esta situación, a representante da Xunta incidiu en que a Consellería do Mar está a traballar na busca de solucións que permitan ofrecer o servizo con todas as garantías e máis acordes ás necesidades que debe cubrir. Iso é o que busca, precisamente, o prego regulador do servizo de practicaxe dos portos de Laxe, Cee e Corcubión elaborado por Portos de Galicia e que foi aprobado pola Dirección Xeral da Mariña Mercante do Estado.

A conselleira do Mar detallou que o prego recorre á figura de práctico substituto -que podería cubrir as necesidades da área de Cee e as doutros portos como Cariño, Burela, Celeiro ou Ribadeo- garantindo unha retribución anual estimada para o práctico de Cee de 110.000 euros anuais. De feito, o prego establece unha suba das tarifas de preto do 8% en relación coas actuais e fixa a compensación económica anual máxima de Portos de Galicia ao práctico en 50.000 euros máis IVE.

Rosa Quintana salientou no Parlamento que esta fórmula -a do práctico substituto- permitiría ter o servizo perfectamente cuberto pois se ben a embarcación debe estar no porto para dar apoio aos barcos, non é preciso que estean os medios humanos, que poden estar nesta ou noutras dársenas. Nesta liña, o prego garante totalmente o servizo pois os consignatarios ou armadores quedan obrigados a comunicar ao práctico a chegada dos buques a porto con antelación, confirmala como mínimo 48 horas antes da entrada e ratificala 6 horas antes da prestación do servizo, o que permite ao práctico planificar e organizar a súa actividade nos distintos portos.

A maiores, a titular de Mar lembrou que o servizo de práctico ten como función acompañar aos buques no acceso ao porto, co que as medidas adoptadas cumpren con ese obxectivo e para nada é unha solución que poña en risco a seguridade marítima. Nesta liña, asegurou que a Xunta fará as xestións que sexan necesarias na busca desa solución sostible e que está traballar da man da empresa Xeal -a principal usuaria do servizo de práctico- para acadar alternativas que non penalicen o servizo portuario en Cee.