O presidente da Xunta mantivo un encontro co presidente da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco

Rueda valora a cooperación entre Galicia e Castela e León como clave para demandar infraestruturas competitivas para o noroeste e un financiamento autonómico xusto

Reivindica ao Goberno central que aposte por infraestruturas fundamentais como o Corredor Atlántico: “Reclamamos o que nos corresponde e o que é de xustiza”, advertiu
 

Recorda a vixencia da Declaración de Santiago, na que comunidades de diferentes cores políticas uniron sinerxías para reclamar un modelo de financiamento axustado ás necesidades reais de cada territorio
 

Agradece ao mandatario da Comunidade veciña o impulso do Xacobeo a través das tres rutas que pasan por Castela e León: a Mozárabe-Vía da Prata, o Camiño do Inverno e o Camiño Francés

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou a cooperación entre Galicia e Castela e León como clave para demandar infraestruturas competitivas para o noroeste e un financiamento autonómico xusta. O titular do Goberno galego reeditou esta alianza coa Comunidade veciña nun encontro que mantivo hoxe co presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, tras percorrer xuntos un tramo do final da ruta xacobea.

 

Alfonso Rueda recordou que, aínda que o Camiño de Santiago remata en Galicia, as súas rutas son patrimonio de todos os españois e deixan beneficios económicos e sociais por todos os territorios polos que atravesan. Así, nun ano marcado por un récord histórico de turistas e de peregrinos, o presidente da Xunta avanzou que “imos pechar un ano espectacular”, e agradeceu ao seu homólogo leonés o impulso que desde a Comunidade veciña se fixo do Xacobeo, tendo en conta que son tres as rutas que atravesan por Castela e León: a Mozárabe-Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o Camiño Francés. Rueda informou de que neste último ano, tres de cada cinco peregrinos camiñaron a Galicia por algún deses itinerarios. “O Xacobeo foi este ano un dos motores económicos de Galicia”, subliñou.

 

Pero Galicia e Castela e León non están unidas só polo Camiño ou por lazos culturais e históricos, senón tamén por asuntos transcendentais de calado para o futuro da veciñanza de ambas as dúas Comunidades, como pode ser o financiamento autonómico ou o futuro das infraestruturas.

 

Rueda e Mañueco recordaron que as comunidades máis envellecidas e coa poboación máis dispersa teñen que facer un maior investimento nos servizos básicos, de aí que recordaran a vixencia dos acordos adoptados o ano pasado na Declaración de Santiago, cando presidentes de diferentes cores políticas de oito CC.AA. sumaron sinerxías e demandaron un modelo de financiamento axustado ás súas necesidades. “Somos comunidades autónomas infrafinanciadas”, denunciou o mandatario galego, quen reclamou un reparto máis equitativo e que atenda ás particularidades de cada territorio.

 

Galicia gasta 1 de cada 5 euros destinados en España ao transporte escolar e ten o 10% dos centros de saúde co 6% da poboación, polo que, a maior dispersión, maior custo dos servizos. Rueda subliñou que a Xunta está a facer un gran esforzo para dar uns servizos de calidade en todo o territorio galego, pero insistiu en que o Estado ten que ter en conta un desafío que supera o ámbito autonómico.

 

Rueda tamén aproveito o seu encontro con Mañueco, como días antes fixo co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, para reivindicar infraestruturas fundamentais para o futuro do noroeste peninsular. En concreto, o presidente da Xunta referiuse ao viaduto da A-6 no Castro -reclamando unha vez máis celeridade e transparencia na resolución do seu derrubamento-, e ao Corredor Atlántico, imprescindible para vertebrar o territorio español con criterios de equilibrio. Os dous mandatarios coincidiron en reclamar que se nomee un Comisionado para esta infraestrutura, tal e como estaba acordado, e que se estableza un Plan Director. Alfonso Rueda reiterou que nin Galicia nin Castela e León pedían nada que non lles correspondese, senón unicamente “o que é de xustiza”. E advertiu: “O Goberno non pode facer esforzos nun lado a costa de non facelos noutro”.

 

Imaxes relacionadas