A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez lembra que o Concello de Oleiros ten sobre a mesa unha proposta para mellorar a seguridade viaria da AC-173 no Couto cunha achega da Xunta de 300.000 €

Vázquez Mourelle reitera que a Xunta lle propuxo ao Concello asumir a titularidade deste tramo da AC-173, para facilitar o cambio de tipoloxía de vía de interurbano a urbano, e que se poidan adoptar medidas para a seguridade dos peóns

Explica que a Xunta lle propuxo ao Concello a sinatura dun convenio cunha dotación orzamentaria para cubrir os gastos das actuacións no tramo traspasado

Lamenta que esta proposta, encamiñada a resolver o problema e atender a demanda dos veciños, fose rexeitada polo Concello

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

Ethel Vázquez lembrou hoxe que o Concello de Oleiros ten sobre a mesa unha proposta para mellorar a seguridade viaria da AC-173 no Couto, cunha achega da Xunta de 300.000 €.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento, onde reiterou que a Xunta lle propuxo ao Concello de Oleiros que asumise a titularidade deste tramo da AC-173, entre o porto de Santa Cruz e Arillo.

 

Precisou que ao cambiar a catalogación do tramo de interurbano a urbano, o Concello pode establecer cantas medidas se consideren axeitadas para incidir na redución da velocidade e na protección e seguridade dos peóns.

 

Explicou que a Xunta lle propuxo ao Concello a sinatura dun convenio no que o Goberno galego achegaría máis de 300.000 euros para cubrir os gastos das actuacións no tramo obxecto de traspaso de pouco máis de 2 quilómetros.

 

Entre as intervencións a acometer, detallou a disposición dun paso de peóns no punto quilométrico 5+250, regulado por semáforos con pulsador e iluminación; a renovación da sinalización horizontal; a colocación de elementos redutores de velocidade ou unha nova capa de rodaxe completa neste treito.

 

Indicou que se trata dunha proposta construtiva, encamiñada a resolver o problema e a atender a demanda dos veciños, que foi rexeitada de xeito abrupto polo Concello.

 

Lembrou que a Xunta non pode instalar un paso de peóns no Couto porque non cumpre os criterios básicos de seguridade, ao ser unha estrada con características interurbanas.

 

Remarcou que a normativa indica que para colocar un paso debe situarse nun treito urbano; cunha velocidade de 50 km/h e a liña do eixo continua, sen adiantamento; con beirarrúa; e restrición de aparcamento 10 metros antes do paso de peóns.

 

Considerando que ese paso de peóns non cumpre os requisitos de seguridade, ao estar nunha estrada interurbano, remarcou que a Xunta sempre tratou de atender as demandas dos veciños e trasladou ao Concello unha solución, que a Administración local rexeitou.

 

Recordou que o servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña informou dúas veces de xeito desfavorable sobre este paso de peóns, que de pintarse podería ofrecer unha falsa seguridade e crear posibles situacións de risco.

 
 

Sinalou que o Concello ten eses dous informes e unha comunicación remitida polo director da Axencia Galega de Infraestruturas en decembro de 2021, así como un último escrito de maio.