A Xunta sinala que o proxecto Facendo 4.0 demostra a aposta de Stellantis polo ecosistema de I+D+i da automoción galega

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Vigo na presentación das investigacións desenvoltas no marco desta iniciativa

Conta cun investimento total de 22,3 millóns de euros, que a Xunta apoia con 12 millóns a través do programa Fábrica Intelixente da Axencia Galega de Innovación

Subliña a importancia de que o sector poida atopar nos fondos europeos Next Generation a panca de apoio que precisa para acometer novos investimentos

Apunta que cando se fala de competitividade nun contexto de transición enerxética é fundamental o acceso ás enerxías renovables e contar coas mellores infraestruturas de conexión á rede eléctrica, polo que recorda a necesidade da subestación

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo na presentación do estado de avance das investigacións desenvoltas no marco do proxecto Facendo 4.0. Na súa intervención Conde salientou que esta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, demostra a aposta de Stellantis Vigo polo talento de todo o ecosistema de I+D+i que rodea ao sector da automoción en Galicia e a confianza que ten depositada nel.

 

Neste sentido, o vicepresidente primeiro apuntou o efecto tractor que exerce o sector da automoción na Comunidade non só na propia industria, impulsando a dixitalización, a electrificación e a nova mobilidade, senón tamén sobre centros tecnolóxicos e de coñecemento. Conde destacou o esforzo do conxunto do sector para seguir posicionando a Galicia como principal produtora de vehículos en España e á vangarda tecnolóxica.

 

O proxecto Facendo 4.0 conta cun investimento total de 22,3 millóns de euros, que a Xunta apoia con 12 millóns a través do programa Fábrica Intelixente da Axencia Galega de Innovación. Céntrase na busca de novas solucións tecnolóxicas en dous ámbitos clave: a electrificación, o vehículo autónomo e conectado e a mobilidade compartida; e a transformación tecnolóxica baseada no dato, na intelixencia artificial e todos os avances da dixitalización e a industria 4.0.

 

O vicepresidente económico da Xunta resaltou que o sector da automoción en Galicia está facendo os seus deberes e preparándose para dar resposta aos retos da industria. Subliñou que o lóxico é que este sector poida atopar nos fondos europeos Next Generation a panca de apoio que precisa para acometer novos investimentos.

 

Segundo Conde, é fundamental que Stellantis poida acceder aos fondos europeos, “máis se cabe cando se deixaron sen adxudicar o 80% das axudas” do Perte. O vicepresidente primeiro apuntou que “estamos traballando de forma intensa e conxunta tanto Stellantis como a Xunta para que poida haber unha resposta por parte do Goberno” coa nova convocatoria e salientou que o Goberno debe dar unha resposta canto antes “porque os tempos son moi relevantes desde o punto dos investimentos que se poidan desenvolver”.

 

Do mesmo xeito, Conde apuntou que cando se fala de competitividade nun contexto de transición enerxética é fundamental tamén o acceso ás enerxías renovables e contar coas mellores infraestruturas de conexión á rede eléctrica, polo que recordou a necesidade da subestación.