Preto de 190 voluntarios limparán nos próximos días 12 montes e sendas dentro da campaña apoiada pola Xunta ‘1m2 contra a basuraleza’

Esta nova acción de voluntariado enmárcase no proxecto Libera, impulsado a nivel nacional para concienciar sobre a basuraleza e reducir o lixo en espazos naturais
 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colabora desde o ano 2017 nesta iniciativa, que cada ano goza dun maior nivel de participación na Comunidade

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 Preto de 190 persoas participarán ao longo dos próximos días nas 12 batidas de limpeza programadas por toda a Comunidade dentro da campaña 1m2 polo campo, os bosques e o monte, unha iniciativa impulsada a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes no marco do proxecto Libera e que en Galicia conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

Concretamente, as 12 batidas de limpeza previstas en Galicia levaranse a cabo en montes e sendas localizados nos municipios de Culleredo, Vilasantar, Ferrol, Padrón, Lugo, A Pontenova, Ourense, Poio, Tui, Mos e Vigo. A maioría delas están organizadas por asociacións e entidades privadas aínda que tamén as hai a iniciativa de particulares e centros educativos.

 

No marco desta sexta edición da campaña, que comeza mañá e rematará o vindeiro venres 11 de decembro, haberá un total de 398 puntos de recollida repartidos por campos, bosques e montes de todo o país e os organizadores contan con máis de 6.800 voluntarios. Galicia é unha das comunidades máis implicadas na tarefa de conservación dos espazos naturais e, de feito, o nivel de participación dos galegos nas actividades colaborativas que se organizan ao longo do ano para loitar contra a chamada basuraleza é cada vez maior.

 

Cómpre lembrar que a Xunta se sumou en 2017 por primeira vez ao proxecto Libera e desde entón vén apoiando as sucesivas campañas de limpeza que ao longo do ano se organizan en Galicia, como a que vai poñer o foco de atención sobre o coidado das contornas dos nosos montes e campos.

 

Estas accións de voluntariado enmárcanse no proxecto Libera, que naceu hai uns anos co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a presenza de lixo na natureza e chamala a mobilizarse fronte a este problema medioambiental.

 
PROVINCIA
CONCELLO

DATA DA RECOLLIDA

A Coruña
Culleredo
3-12-2022
Ferrol
6-12-2022
Padrón
6-12-2022
Vilasantar
4-12-2022
Lugo

A Pontenova

6-12-2022
Lugo
3-12-2022
Ourense
Ourense
7-12-2022
Pontevedra
Mos
9-12-2022
Poio
3-12-2022
Tui
6-12-2022
Vigo
10-12-2022