O Sergas ofrecerá contratos de continuidade de tres anos de duración

A Consellería de Sanidade segue a promover a estabilidade dos postos de traballo para garantir unha asistencia continuada de calidade nos diversos centros sanitarios, a través do cumprimento coas súas necesidades específicas
 

Os profesionais que estean ocupando unha praza destas características na actualidade e que o fixeran durante os tres anos que durou dito nomeamento, terán a oportunidade de asinar un contrato de interinidade.
 

É unha medida levada a cabo en cumprimento do Acordo sobre o Nomeamento Estatutario Eventual de Continuidade asinado na Mesa Sectorial de Sanidade

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 Reunida a representación da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, así como dos sindicatos CESM, CSIF, O’MEGA, SATSE e UXT, decidiuse a posta en marcha dunha serie de medidas continuando co proceso de estabilización dos profesionais da organización sanitaria. Por unha parte, todos os contratos de continuidade que se celebren a partir de agora terán unha duración de tres anos. Asemade, todas as persoas que estean contratadas actualmente en réxime de continuidade, terán a posibilidade de ampliar o seu contrato até os tres anos ou, se así o desexaren, ficar cun contrato anual.

 

Paralelamente, transformaranse todos aqueles nomeamentos de continuidade que deron inicio no ano 2019 e, polo tanto, que fan agora tres anos, en vacantes de interinidade. Consecuentemente, os profesionais que estean ocupando unha praza desas características na actualidade e que o fixeran durante os tres anos que durou dito nomeamento, terán a oportunidade de asinar un contrato de interinidade.

 

Desta forma, materialízase unha parte importante do Acordo sobre o Nomeamento de Persoal Eventual de Continuidade acadado en Mesa Sectorial da Sanidade

 

Neste senso, procúrase fomentar a continuidade asistencial da relación dos traballadores e traballadoras coas persoas usuarias dos servizos sanitarios, con razón de fomentar a calidade asistencial na sanidade pública de Galicia, reducindo a temporalidade e facilitando o detallado coñecemento dos distritos por parte dos seus profesionais. Así pois, garántese non unicamente a cobertura necesaria e suficiente en cada un dos centros dos diferentes distritos, senón que se asegura o maior nivel de calidade posible na asistencia dispensada.

 
Amais de acadar o obxectivo de consolidar as mellores condicións de estabilidade posibles para o persoal do Sergas, o que redundará nunha mellora da calidade asistencial cara á cidadanía, este actuación reflicte o compromiso da Administración sanitaria co benestar e a saúde laboral.

Imaxes relacionadas