Preto de medio cento de proxectos optan á construción da nova Delegación territorial do Goberno galego en Ourense

Tras o peche do prazo para presentar propostas ao concurso de ideas, o procedemento avanza coa constitución, hoxe, do xurado que seleccionará a solución gañadora

A nova infraestrutura contará cun investimento de 24 M€ e albergarán 10 departamentos autonómicos nun espazo con capacidade para acoller máis de 900 empregados públicos

Ourense, 1 de decembro de 2022 A Xunta constituíu hoxe o xurado encargado de seleccionar a proposta gañadora do concurso de ideas para a construción da nova Delegación territorial do Goberno galego en Ourense, á que se presentaron 49 candidaturas. Avanza así o procedemento para definir a infraestrutura que, cun investimento de 24 M€, albergará 10 departamentos autonómicos e máis de 900 empregados públicos. A idea gañadora servirá de base ao proxecto técnico, básico e de execución.

O xurado está presidido pola secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, e composto por catro arquitectos, propostos pola Consellería de Facenda e Administración Pública, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e polo Concello de Ourense, ademais doutros dous en representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Tamén haberá un vogal representante da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e outro da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.

Na elección das propostas gañadoras teranse en conta o valor arquitectónico e a calidade do proxecto; a avaliación técnica e económica; a protección do medio, a eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica asociadas á idea que se propón; e a inclusión de solucións a prol da conciliación da vida familiar e laboral.

As persoas autoras do proxecto seleccionado en primeiro lugar recibirán un premio de 75.000 euros; as do segundo, 60.000 euros e as do terceiro, 50.000. Haberá tamén tres accésit, de 30.000 euros para o primeiro e de 25.000 euros para o segundo e para o terceiro. Ademais dos 265.000 euros reservados para os premios destinarase 1 millón de euros á redacción do proxecto definitivo e á dirección das obras.

Canto ao programa de necesidades a desenvolver, os pregos do concurso recollen que na superficie construída total de case 28.000 metros cadrados haberá unha zona de persoal con capacidade para máis de 900 postos de traballos, xunto con outra área destinada a usos complementarios -oficina de correos, aula de formación, salón de actos...-, ademais do arquivo, o aparcadoiro e os almacéns previstos nas plantas do soto.

Esta obra enmárcase na aposta do Goberno galego por dotar as infraestruturas administrativas públicas dunhas óptimas condicións tanto para as persoas que traballan nelas coma para a cidadanía usuaria dos servizos prestados.

Nesta liña insírese a rehabilitación no antigo edificio administrativo do Goberno galego na rúa Benito Corbal de Pontevedra, convertido en sede de distintas asociacións, ao igual que se fará no edificio dos xulgados da rúa Lalín de Vigo unha vez rematado o traslado da Cidade da Xustiza.

No que se refire só a melloras en infraestruturas administrativas relacionadas coa eficiencia enerxética, a Administración autonómica investiu máis de 17 millóns de euros desde 2015. Así, neste ano finalizaranse obras no edificio administrativo da Delegación Territorial de Lugo, cun investimento de máis de dous millóns de euros, e arrincarán as actuacións nos edificios administrativos das delegacións territoriais de Ferrol e da Coruña, ás que se destinarán a maiores máis de tres millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas