Rueda resalta o compromiso da Xunta co comercio galego ao destinar 24 M€ nos orzamentos de 2023 ao impulso da innovación e a transformación dixital do sector

O presidente do Goberno galego participou na inauguración do parque comercial Nasas Nigrán, unha iniciativa que nace para promover o emprego e a economía no Val Miñor

Nigrán (Pontevedra), 1 de decembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o compromiso do Goberno galego co comercio ao destinar 24 millóns de euros nos orzamentos de 2023 ao impulso da innovación e a transformación dixital do sector, tal e como recordou hoxe no acto de inauguración do parque comercial Nasas Nigrán, unha iniciativa que nace para promover o emprego e a economía no Val Miñor. 

Rueda salientou as axudas da Xunta aos consumidores para apoialos no contexto actual de crise económica con iniciativas como o Bono Comercio, que permitirá que máis de 166.000 cidadáns aforren ata 30 euros nos establecementos adheridos. A eses apoios súmanse os destinados ao propio comercio, que inclúen 8,5 millóns para transformación dixital e innovación, 12,8 millóns para a dinamización da actividade comercial ou 1,4 millóns para a creación dun centro loxístico (hub) de innovación comercial e artesanal. 

O presidente da Xunta valorou a atractivo que supón para o Val Miñor a apertura do parque comercial Nasas Nigrán que, ao seu entender, suporá unha oportunidade para o emprego -prevé crear 350 postos de traballo directos e outros 150 indirectos- e un reclamo que atraerá visitantes á comarca.

Imaxes relacionadas