A directora xeral de Patrimonio Natural de Ordenación do Territorio e Urbanismo participou no I Congreso Territorios corresponsables, igualdade e espazo público

A Xunta avoga por un enfoque integral da planificación urbanística para acadar territorios máis sostibles e igualitarios

Encarnación Rivas incide en que un urbanismo de calidade será aquel que, desde o comezo, organice as dimensións espazo temporais de maneira que as persoas poidan conciliar a súa vida familia e laboral con menos esforzo, présas e dificultade

Siero (Principado de Asturias), 1 de decembro de 2022 A Xunta avoga por un enfoque integral da planificación e execución urbanística para acadar territorios máis sostibles e igualitarios, tal e como defendeu a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, durante a súa intervención na mesa redonda O xénero na ordenación do territorio e o urbanismo no marco do I Congreso Territorios corresponsables, igualdade e espazo público.

 

Logo de salientar que a participación é unha forma de acadar tanto a sostibilidade social como a igualdade de xénero, a directora xeral incidiu en que “a introdución de mecanismos participativos e de intercambio de información no deseño do territorio resultan un elemento clave para minimizar o impacto social dos procesos de transformación de solo”.

 

A maiores, Encarnación Rivas aseverou que un urbanismo de calidade será aquel que desde o comezo organice as dimensións espazo temporais de maneira que as persoas poidan conciliar a súa vida familiar e laboral con “menos esforzo, présas e dificultade” e que contribúa a deseñar cidades máis humanas.

 

E, nesa liña, segundo abundou a directora xeral, “a igualdade é un elemento clave da calidade dos procesos de planificación urbana que favorece a vida cotiá e crea unha cidade de distancias cortas e de proximidade que beneficia a toda a cidadanía”.

Imaxes relacionadas