A Consellería do Mar reforza a súa estrutura para apuntalar a promoción e posta en valor dos produtos do mar de Galicia

Crea a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar dentro da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica co ánimo de permitir unha xestión máis axeitada e asumible da actividade diaria, así como un mellor desenvolvemento de tarefas de cogobernanza co sector

Faino mediante o proxecto de decreto coa nova estrutura orgánica da Consellería, que ten como obxectivo elevar a súa eficiencia en beneficio dos administrados, pois os cambios contribúen a resolver en menos tempo as cuestións que poidan xurdir no desenvolvemento da súa actividade

A actual Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica pasa a denominarse Subdirección Xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria co obxectivo de acadar unha competitividade plena das estruturas produtivas e transformadoras dentro dos mercados globais

A Consellería do Mar vai reforzar o impulso ao incremento da demanda, os prezos e os ingresos dos profesionais da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a transformación mediante a creación dun departamento específico centrado na posta en valor dos produtos do mar. Esta aposta concrétase coa división da actual Subdirección Xeral da Pesca e Mercados en dúas subdireccións: a de Pesca (na que se inclúen o servizo de Pesca e o de Análises e Rexistros) e a nova de Valorización dos Produtos do Mar (na que se inclúe o servizo de Mercados).

 

Este cambio, enmarcado no proxecto de decreto polo que se modifica a estrutura orgánica da Consellería e ao que hoxe deu luz verde o Consello da Xunta, responde á necesidade de atender a constante evolución da importancia económica da actividade marítimo-pesqueira en Galicia, o que fai que a cadea mar-industria tome cada vez máis forza pola xeración de novos produtos do mar transformados e pola obtención de maior valor engadido mediante este proceso.

 

Así, o departamento autonómico leva a cabo esta división para adecuar a carga de traballo xerada no ámbito da competencia e de xestión da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, así como mellorar o desenvolvemento de tarefas de cogobernanza co sector.

 

Dentro desta modificación da estrutura da Consellería do Mar tamén se inclúe o cambio de nome da actual Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica, que pasa a denominarse Subdirección Xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria co ánimo de definir de maneira máis axeitada as súas funcións e relacións co sector e acadar unha competitividade plena das estruturas produtivas e transformadoras dentro dos mercados globais. A este respecto, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica pasa a ter catro subdireccións, xa que a estas tres engádese a de Acuicultura xa existente.

 

Estas melloras da estrutura da Consellería do Mar e a adopción de medidas para elevar a súa eficiencia van en beneficio dos administrados, pois contribúen a resolver en menor tempo as cuestións que poidan xurdir no desenvolvemento da súa actividade. Así, o departamento dependente da Xunta pretende seguir optimizando a xestión relacionada cun sector que aporta preto do 5% do produto interior bruto de Galicia e que ten relación con máis do 90% das ramas de actividade económica da comunidade.