O Goberno galego convocará máis de 5.650 prazas de emprego público no Sergas antes de que finalice este ano

Rueda subliña que o Consello aprobou hoxe a OPE para persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde que inclúe 1.294 prazas

Destaca que ata final de ano increméntarase o número de prazas obxecto de convocatoria para persoal de enfermaría, cun total de 2.160

Enmarca esta nova convocatoria “no proceso de consolidación e mellora dos servizos públicos” galegos que inclúe tamén medidas para dar estabilidade aos empregados ou para o desenvolvemento da carreira profesional

Un total de 1.017 médicos tomarán posesión da súa praza este mes tras aprobar as correspondentes oposicións
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que O Goberno galego vai convocar “máis de 5.650 prazas en distintas categorías profesionais do Sergas antes de que remate o ano”, das que 2.160 serán para a estabilización do persoal de enfermería. Rueda resaltou que esta convocatoria enmárcase “no proceso de consolidación e mellora dos servizos públicos” que está a levar a cabo a Xunta con medidas para fomentar a estabilidade dos empregados públicos ou para o desenvolvemento da carreira profesional.

O Consello aprobou na súa reunión semanal o decreto coa oferta pública de emprego de persoal estatutario do Sergas para o ano 2022, que inclúe 1.294 prazas. Esta oferta, unida ás 106 prazas de médico de Atención Primaria xa convocadas polo sistema de méritos, a oferta extraordinaria lanzada en maio para reducir a temporalidade e as prazas pendentes das ofertas de 2020 e 2021, é o que permitirá á Xunta convocar máis de 5.650 vacantes antes de rematar o ano.

Por categorías, un total de 2.015 prazas serán para persoal de enfermería; 1.052 para persoal técnico en coidados auxiliares; 429 para auxiliares da función administrativa; 238 para enfermeiros especialistas, fisioterapeutas ou terapeutas ocupacionais; 199 para persoal de servizos xerais; 48 para farmacéuticos e odontólogos de Atención Primaria e 23 para o grupo de xestión de función administrativa. A estas habería que sumar 28 prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual. O resto de vacantes aínda están pendentes de convocatoria.

Nas prazas que se convocarán ata finais de ano non están incluídas vacantes para facultativos xa que as novas prazas sairán convocadas polo modo de concurso de méritos, o que exixe unha oferta de emprego pública diferenciada. Aínda así, o presidente lembrou que un total de 1.017 médicos tomarán posesión ao longo deste mes tras aprobar a súa correspondente oposición.

Malia o contexto económico e sanitario dos últimos anos, a Xunta de Galicia, en cumprimento do compromiso de dotar de estabilidade os seus cadros de persoal, continuou a convocar e desenvolver novos procesos de selección para o acceso á condición de persoal fixo, logo de aprobación con carácter anual dos preceptivos decretos de oferta de emprego público, que esgotaron a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado e nos cales se deu prioridade ás categorías sanitarias.

En cumprimento co establecido na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, no mes de maio publicouse a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, integrada por un total de 2.568 prazas. Ademais a Xunta convocou por concurso de méritos 106 prazas de médicos para cubrir postos de difícil cobertura.

A oferta que hoxe aprobou a Xunta, sumada á oferta de estabilización e ás prazas pendentes de convocar derivadas das ofertas dos anos 2020 e 2021, posibilita a execución de procesos selectivos en que se incluirán 5.651 prazas do Sistema sanitario público galego, sumando taxa ordinaria e taxa extraordinaria, concurso-oposición e concurso de méritos.

Con esta oferta, a temporalidade estrutural no Sergas continúa a reducirse, e é este un obxectivo prioritario para o Servizo Galego de Saúde.

 

Próximas actuacións

Tras a aprobación do decreto por parte do Consello da Xunta, publicaranse as correspondentes convocatorias.

Xunto coas prazas que están a punto de ser adxudicadas en diversas categorías de facultativo especialista e técnicos sanitarios, así como diversas categorías de persoal de xestión e servizos, o Sergas está a tramitar na actualidade 8.700 prazas para o acceso de persoal fixo.

 


Imaxes relacionadas