A Xunta creará 136 novos postos permanentes de Orientación laboral para o Servizo de Emprego de Galicia

Rueda adiantou que se destinarán uns 5 millóns de euros a financiar a incorporación destes profesionais, fundamentais para o fomento da empregabilidade
 

A medida insírese no proceso de modernización do Servizo Galego de Emprego, que pasa pola mellora das oficinas, a súa dixitalización e a formación do persoal
 

O Goberno galego quere reforzar a atención a persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral: mozas e mozos ou persoas paradas de longa duración
 

As e os profesionais incorporaranse ás oficinas de emprego das catro provincias e aos servizos centrais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022

  O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta creará un servizo “propio e permanente” de orientación laboral e prospección empresarial que estará integrado por 136 orientadores, grazas a un investimento de arredor de 5 millóns de euros aprobado hoxe polo Consello do Goberno galego.

Co visto e prace á modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade incorporaranse os profesionais necesarios para optimizar os apoios que se veñen prestando desde o servizo de emprego de Galicia. Trátase de ampliar o servizo de orientación con carácter xeral e permanente e consolidar a atención que se dispensa ás persoas usuarias.

O obxectivo da medida pasa polo reforzo da atención de colectivos prioritarios na busca da súa empregabilidade, como mozas e mozos ou parados de longa duración.

Os 136 postos estarán repartidos nas 53 oficinas de emprego das correspondentes xefaturas territoriais de Promoción do Emprego da Xunta, que verán incrementado o seu persoal nun 25 %: 46 técnicos medios de orientación estarán destinados en oficinas da Coruña; 16 en Lugo; 18 en Ourense; 50 en Pontevedra; e os 6 restantes traballarán directamente no servizo de orientación laboral e o de intermediación da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

Todas as oficinas recibirán, deste modo, persoal adicional para reforzar os servizos de orientación, para potenciar a captación de ofertas de emprego e favorecer a comunicación co tecido empresarial.

Este reforzo de profesionais alimentará a rede existente en Galicia, moito máis extensa e que acada con estes 136 profesionais os 666 postos, ao contar a maiores con 268 orientadores laborais subvencionados en concellos, entidades sen ánimo de lucro e organizacións empresariais e sindicais, 220 axentes de desenvolvemento local e 42 axentes de emprego en entidades sociais, que exercen un labor fundamental no apoio á empregabilidade de galegas e galegos.

Modernización do servizo galego

Tras a celebración do Consello da Xunta, Rueda subliñou que esta medida se enmarca no “amplo proceso de modernización” que a Xunta está a acometer para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os seus servizos de emprego co obxectivo último de mellorar a empregabilidade de galegas e galegos, mediante a mellora da cualificación profesional ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada ás necesidades do mercado e cunha orientación e asesoramento personalizados.

Neste contexto, o presidente da Xunta indicou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a renovar, nalgúns casos adquirindo novas infraestruturas, as oficinas de emprego, cun investimento previsto en 2023 de 3,3 millóns de euros. Tamén se completará a dixitalización das oficinas cun novo software baseado nas novas tecnoloxías para identificar as necesidades do mercado en tempo real e lanzarase unha nova oferta formativa para o persoal do servizo. O I plan formativo lanzou en 2022 un total de 900 prazas, que se cubriron con éxito, para a mellora de competencias en asuntos como a atención ao público, a xestión de demandas e ofertas de emprego, inscricións de persoas estranxeiras, etc.
 

Rueda salientou o feito de que a Xunta acaba de completar o proceso de creación dun distrito único para os servizos de emprego, unha figura que considerou que supoón un “avance moi importante”. Así, puxo en valor que, deste xeito, as entidades empregadoras poden presentar e tramitar ofertas en calquera sede, independentemente do lugar onde se localice o posto convocado. As persoas demandantes de emprego xa podían dirixirse a calquera oficina desde o pasado maio para realizar xestións e inscribirse nelas.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por outra banda, está a asinar protocolos con entidades empresariais referentes –fixo o mesmo coa Confederación de Empresarios de Galicia e a Cámara de Comercio da Coruña– para que se adhiran ao sistema de difusión de ofertas de emprego e poidan tramitalas a través das diversas canles de que dispón o Servizo Galego de Emprego, o que facilita a cobertura de vacantes. 


Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta