A primeira Estratexia Galicia Retorna supuxo a incorporación de 28.000 galegos retornados de máis de 40 países
Rueda considera que estas cifras “positivas” demostran que este programa foi “todo un éxito” e salienta que outras CC.AA. se teñen interesado por el
Puxo en valor que o 80 % dos retornados ten menos de 65 anos e o 58,70 % da poboación retornada é menor de 45 anos
Apunta que as estatísticas de poboación recentemente publicadas dos seis primeros meses deste ano mostran un saldo migratorio positivo en 12.768 persoas e sulbiña que logra reverter o saldo vexetativo negativo, facendo que Galicia gañe poboación
As axudas específicas para o retorno da Secretaría Xeral da Emigración favoreceron a posta en marcha de 600 novos proxectos empresariais de retornados, cun impacto dos investimentos en Galicia destes proxectos superior aos 32 M€
Ofertáronse 1.200 bolsas formativas para que galegos residentes no exterior puidesen facer un máster, dos que o 80 % está a residir e traballar en Galicia
Creouse a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que ata hoxe deu resposta a 40.000 consultas
As medidas específicas contaron cunha achega de 25 M€ neste período de cinco anos e as transversais favoreceron a integracións dos retornados, que contaron cun financiamento de 500 M€
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, deu conta do balance da primeira Estratexia Galicia retorna que se levou hoxe ao Consello da Xunta e que cualificou de “todo un éxito”, xa que que “conseguiu lograr o retorno de ata 28.000 persoas de 40 países do mundo, tanto emigrantes como os seus descendentes, especialmente provenientes de América latina”.
Respecto aos obxectivos demográficos, ata 2021 foron 28.000 persoas as que chegaron á nosa Comunidade integrando unha familia galega. Destaca que o 25 % dos membros destas familias non teñen nacionalidade española.
Medidas específicas
Desde a Xunta de Galicia puxéronse en marcha varias medidas específicas para apoiar o retorno. En canto á área de asesoramento e seguimento, creouse o Portal Retorna como canle de información e asesoramento, pioneira en España, que contou neste período con 300.000 visitas. A inicios de 2020 púxose en funcionamento a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, co apoio dos fondos FSE, que ata o día de hoxe asesorou e fixo seguimento de máis de 11.000 persoas tanto de xeito presencial coma telemático, e deu resposta a máis de 40.000 consultas, tanto durante o proceso de decisión do retorno, desde os seus países de orixe, como na súa chegada.
No que se refire ás axudas específicas ao emprendemento, apoiáronse 600 novos proxectos empresariais de retornados e creouse para 2021 unha nova liña de axudas de «reforzo COVID».
Ademais, foron integrados como colectivo específico os galegos retornados nas axudas para estudantes das universidades galegas que, por causas sobrevidas, teñan dificultades económicas para continuar os seus estudos.
Apoios de carácter transversal
Os diferentes departamentos da Xunta de Galicia tamén contan con iniciativas de apoio ao retorno. A primeira Estratexia Retorna naceu con 50 medidas, que foron aumentando ao longo dos anos ata chegar ás 64.
Na área de I+D+i, desenvolvéronse diversos programas para promover a captación e o retorno de investigadores a Galicia. Algúns destes programas son o Oportunius, Principia, a Rede galega de aceleradoras ou o programa Talento Sénior. Estes programas teñen un orzamento de máis de 9 millóns de euros.