A empresa Central de Frades SCG recibirá da Xunta unha axuda de preto de 100.000 € para levar a cabo melloras tecnolóxicas e para ampliar a súa fábrica de pensos

O delegado da Xunta e e o alcalde visitaron esta empresa que realizará grazas a este apoio un investimento total de máis de 264.000 euros
 

Trenor lembrou que estas axudas de máis de 4 millóns de euros chegarán a 11 empresas da área de Santiago que mobilizarán en investimentos nesta área máis de 11 millóns de euros
 

O seu obxectivo principal é crear novas industrias agroalimentarias, así como mellorar as xa existentes

Frades (A Coruña), 1 de decembro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural, José Manuel Santos Maneiro, visitaron a empresa Central de Frades SCG, unha das beneficiarias con máis de 92.000 euros da orde de axudas para levar a cabo investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). Grazas a este apoio, a empresa levará a cabo unha actuación de máis de 264.000 euros de mellora tecnolóxica e ampliación da súa fábrica de pensos.

 

O delegado da Xunta lembrou que “estas axudas repartirán entre 11 empresas da área de Santiago máis de 4 millóns de euros que mobilizarán en investimentos nesta área máis de 11 millóns de euros”.

 

Así, esta orde de axudas busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistiron en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistiron en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

 

Para iso, foron suxeito de subvención actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén, estas achegas sufragarán a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

 
Ademais, como novidade, deuse prioridade ás asociacións de produtores que se uniron para levar investimentos en común. Deste xeito, concedéuselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas