A Xunta colabora na formación de 26 persoas para avanzar na transformación dixital e industrial no sector da construción

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou hoxe dous cursos impulsados pola Xunta de Galicia e a Fundación Laboral da Construción sobre novas tendencias no sector

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2023 á area de formación e orientación un total de 202 millóns de euros

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura dos cursos para a cualificación e recualificación de poboación activa no sector da construción co foco posto na súa transformación dixital, no marco da colaboración que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén coa Fundación Laboral da Construción.

Lado puxo en valor a colaboración con axentes sociais e económicos de sectores estratéxicos en Galicia como “camiño que debe conducirnos a unha maior coherencia, sincronía e axuste da oferta formativa ás necesidades do tecido produtivo de Galicia”.

A representante da Xunta reivindicou a formación encamiñada cara un modelo industrializado, seguro, capacitado, innovador e sostible neste sector. “Ese novo modelo pasa pola transformación dixital e por fomentar a formación en novas técnicas construtivas”, aseverou.

O Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación para o emprego, elaborado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, identificou para a construción, postos en proceso de transformación en áreas como a bioconstrución ou o uso da tecnoloxía BIM (Building Information Modeling) na edificación, un sistema de xestión das obras que usa modelos tridimensionais virtuais relacionados con bases de datos. As ferramentas dixitais e de innovación tecnolóxica da arquitectura 4.0, expuxo Lado, xurde como “oportunidade” para a maior competitividade do sector.

Os cursos clausurados versaron sobre Modelado 3D de edificios utilizando tecnoloxías inmersivas e de realidade aumentada para a construción (con 15 participantes) e Operacións de minicargadora-miniexcavadora (11 persoas), parte da formación que “vai posicionar o sector na vangarda das novas tecnoloxías”, remarcou Lado. A formación impartida foi financiada cos fondos Next Generation correspondentes a Galicia, que deseñou un programa para “aproveitar todo o potencial para dotar á poboación activa de capacidades profesionais axeitadas para que cada persoa, no seu ámbito de actividade, responda con éxito aos cambios no mercado laboral”, incidiu a directora xeral.

“As capacidades cobran máxima relevancia como centro das políticas activas de emprego dando coherencia á nova arquitectura da formación para o traballo”, especificou Lado, que lembrou que 2023 será o Ano europeo das capacidades e da formación contínua.

A área de Formación para o Emprego e Orientación disporá en 2023 con 202 millóns de euros de orzamento. Un investimento que representa case o 50% do presuposto total da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. “En concreto, o novo Plan galego de formación para o emprego contará cunha partida de 104 millóns de euros, o que supón un sólido incremento sobre o actual exercicio”, dixo Lado.

Tal e como declarou a directora xeral “deste xeito imos continuar impulsando unha formación de moita calidade, axustada ás tendencias e ás necesidades reais do tecido produtivo e ao cada vez máis competitivo mercado laboral”.

Imaxes relacionadas