Fernández-Tapias avanza a construción de aseos públicos e unha cafetería na ETEA dentro do Plan de Acción 2022-25 que aprobará mañá a Xunta cun investimento total de 49 millóns

A delegada territorial explicou o acordo que aprobará mañá o Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito a través de catro consellerías

Os servicios demandados pola veciñanza, como os aseos públicos e o arranxo do campo de baloncesto, serán solucionados de forma inminente

O mantemento, limpeza e xardinaría das parcelas PS-1, PS-5 e PS-6 quedarán incorporados aos contratos centralizados da Xunta a partir do 1 de xaneiro

Vigo, 30 de novembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores o Plan de Acción 2022-25 que aprobará este xoves o Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito da ETEA. A planificación é o resultado dos estudos previos e as xuntanzas con colectivos veciñais para promover a zona e poñer en valor un espazo orientado á cidadanía como lugar de ocio.

 

Segundo explicou a representante autonómica, o plan supón un investimento total de 49,1 millóns de euros, despois de que a Xunta xa executase nos últimos anos 21 millóns e teña previsto coa nova planificación outros 21 millóns. Fernández-Tapias amosou o “compromiso firme” do Goberno galego para recuperar un lugar emblemático do barrio vigués de Teis. “É necesario actuar e o que queremos é executar e desenvolver o ámbito en beneficio dos cidadáns de Vigo”, indicou.

 

Así, indicou que xa está adxudicado o contrato para reparar o campo de baloncesto e que o vello edificio que ocupa os antigos vestiarios serán reconvertidos en aseos públicos (48.000 euros). O inmoble situado entre ambas instalacións (antiga panadería) servirá como nova cafetería (330.253 euros), para o que xa está contratado e a punto de concluír o estudio de viabilidade que permitirá a súa posta en funcionamento.

 

Mantemento e limpeza

Por outra banda, a delegada informou de que o mantemento de todas as instalacións da ETEA, a limpeza e a xardinaría (461.063 euros en tres anos) dos ámbitos PS-1, PS-5 e PS-6 quedarán incorporados aos contratos centralizados da Xunta a partir do 1 de xaneiro de 2023. Ademais, o Administración autonómica continuará asumindo os servizos de vixilancia e seguridade (600.919 euros ata 2025). Tamén estuda unha solución para o posto de vixilancia, ben a través do alugueiro dunha caseta prefabricada ou habilitando un espazo nos edificios.

 

Centro de transformación e alumeado

A Xunta tamén construirá un novo centro de transformación (37.045 euros) que permitirá o subministro eléctrico a todo o recinto e individualizar os consumos aos diferentes propietarios. Relacionado directamente, está previsto levar a cabo unha obra de baixa tensión (60.125 euros) para dar luz aos edificios e faroles do PS-1.

 

Urbanización e residencia de maiores

Por último, Fernández-Tapias destacou que existe un orzamento de 14,8 millóns de euros para a urbanización do PS-1 e a conexión coa Avenida de Galicia. “Seguimos esperando que o Concello poña os terreos do PS-1 a nosa disposición para poder levar a cabo a urbanización de viais e espazos libres”, sinalou.

 

Tal e como destacou, esta obra é imprescindible para a construcción da residencia de maiores por parte da Fundación Amancio Ortega, cun investimento de 12 millóns, posto que a día de hoxe está paralizada pola falta de conexións e servizos desde o PS-1.

 

O desenvolvemento do Plan de Acción 2022-25 na ETEA implica directamente á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, á Consellería de Facenda e Administracións Públicas, á Consellería de Infraestructuras e Mobilidade e á Consellería de Política Social e Xuventude.

Imaxes relacionadas