O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades asiste en Marrocos ao 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial

Román Rodríguez felicita aos campaneiros de Mondoñedo, Ponte Caldelas, Ponteceso e Boqueixón pola declaración do toque manual de campás como Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco

Representantes dos catro municipios avalaron a candidatura española liderada polo Ministerio á que se adheriron varias comunidades como Galicia, que participa dentro da franxa norteña
 

O titular de Cultura da Xunta agradece a súa axuda e valora moi positivamente este recoñecemento que permitirá “preservar esta tradición e o seu valor etnográfico”

Rabat (Marrocos), 30 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, felicitou hoxe aos campaneiros de Mondoñedo, Ponte Caldelas, Ponteceso e Boqueixón pola súa contribución a que o toque manual de campás veña de ser incluído na lista de manifestacións representativas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. Así o manifestou en Rabat como parte da delegación española que participa no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, onde vén de tomarse esta decisión.

 

Campaneiros de toda España, entre eles os galegos, contribuíron á consecución da declaración, xa que todos a avalaron con cartas de consentimento como representantes do saber deste oficio. En concreto, por parte de Galicia participaron Valentín Ínsua Palacios, da Catedral de Mondoñedo; Elías Darriba, de Campaneiros da Insua, en Ponte Caldelas; José María López, dos Campaneiros de San Fins do Anllóns de Ponteceso, e Víctor Curros, de Campaneros de Santa María de Lamas e Sergude de Boqueixón.

 

Román Rodríguez, que asiste a este foro cultural internacional acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultura, Mª del Carmen Martínez, agradeceu a súa axuda e valorou moi positivamente este recoñecemento que permitirá, dixo, “preservar esta tradición e o seu enorme valor etnográfico para garantir a súa continuidade e protección”.

 

Candidatura conxunta

A proposta de inscrición no rexistro de bens de interese cultural respondeu á iniciativa de distintas asociacións españolas implicadas nesta práctica, que contactaron con distintos profesionais e institucións para traballar con estreita colaboración para soster a candidatura, foi tramitada polo Ministerio de Cultura e Deporte. A candidatura que lidera o Ministerio adheríronse varias comunidades. Xunto a Galicia -que participa na franxa norteña-, tamén están representadas a Comunidade Valenciana, Madrid, Castela e León, País Vasco, Navarra, Cataluña e Andalucía.

 

A tradición dos toques manuais de campás está presente en distintas partes de España e demostra a variedade de formas ao longo da xeografía española así como dos distintos tipos de toque. É un sistema de comunicación que se vén mantendo ao longo dos séculos como medio de expresión na vida relixiosa e civil. De feito, os toques, baseados no ritmo, tiveron historicamente un papel relevante á hora de organizar a vida comunitaria, delimitar o tempo e espazo laboral, festivo e de doo.

 

Imaxes relacionadas