O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria clausurou hoxe en Curtis o Curso Gandeiros 20-30, impartido no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo

A Xunta pon en valor a estratexia de dinamización do sector lácteo que afonda nunha formación orientada cara á profesionalización para garantir o futuro deste eido produtivo

José Luis Cabarcos definiu a Estratexia de dinamización do sector lácteo como a gran aposta da Xunta pola mellora e promoción da calidade do leite galego e o impulso ao seu valor engadido

Destacou outras iniciativas da Xunta a prol do lácteo como a ferramenta informática Conta Láctea, o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo

Insistiu na relevancia de dotar de maior base territorial ás explotacións, algo no que incide a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
 

Curtis (A Coruña), 30 de novembro de 2022 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou esta mañá en Curtis unha nova edición do Curso Gandeiros 20-30, sobre as competencias empresariais nas explotacións gandeiras. Alí, puxo en valor a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, a cal afonda nunha formación orientada cara á profesionalización para garantir o futuro deste eido produtivo.

 Neste senso, Cabarcos subliñou que un dos obxectivos desta Estratexia pasa pola procura de rendibilidade das explotacións e busca facilitar a transformación do leite que se produce na nosa comunidade, entre outras finalidades. Así, a través deste curso búscase dotar aos empresarios gandeiros dunha visión máis ampla e do potencial sobre a súa actividade gandeira, para espertar, no posible, a innovación nas súas actividades e a procura de maior valor engadido. Ademais, procúrase achegar coñecementos e ferramentas, especialmente no ámbito do control e a xestión de custos, que contribúan a mellorar a eficiencia das explotacións.
 
 Precisamente, dado o éxito destas accións formativas -xa van sete edicións con esta-, a Consellería do Medio Rural está traballando na súa continuidade con máis cursos en comarcas gandeiras e así poder facilitarlle aos participantes as claves para desenvolver unha explotación sustentable e rendible.  

Así mesmo, durante a súa intervención, o director da Axencia destacou outras iniciativas a prol do sector lácteo, como pode ser a ferramenta informática Conta Láctea, que lle permite aos gandeiros coñecer e xestionar os seus custos de produción, tamén enmarcada na Estratexia do lácteo. Ademais, tamén destacou o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo.  

Por último, o director da Axencia insistiu na relevancia de dotar de maior base territorial ás explotacións, algo no que incide a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Unha norma centrada en facilitar base territorial ao redor das explotacións, co fin de fomentar alternativas como o leite de pastoreo, pola que poden optar, se así o desexan, os gandeiros. Precisamente, lembrou que a Consellería porá en marcha a marca propia “Leite de Pastoreo de Galicia”. Ademais, tamén lembrou a marca de calidade Galega 100%, sinalando que a Xunta seguirá impulsando este selo.

 

Imaxes relacionadas