A Xunta abre o trámite de competencia de proxectos ante a solicitude de Altri de concesión dunha captación de auga do río Ulla

A empresa solicita a captación de augas superficiais do encoro de Portodemouros, desde o termo municipal de Agolada, cun caudal máximo de 535 litros/segundo, para a uso industrial na fábrica de fibras téxtiles que prevé implantar no concello de Palas de Rei
 

Seguindo o procedemento establecido na lexislación, Augas de Galicia abre o trámite de competencia de proxectos para que outras entidades interesadas poidan formular propostas de aproveitamento alternativas
 

Con este procedemento, garántese a transparencia e o estrito cumprimento da normativa na tramitación da solicitude de aproveitamento no río Ulla

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022 A Xunta abre o trámite de competencia de proxectos ante a solicitude recibida da empresa Altri Participaciones y Trading, S.L. para a concesión dunha captación de auga do río Ulla, no termo municipal de Agolada.

 

A empresa solicita a captación de augas superficiais, cun caudal máximo de 535 litros/segundo, do encoro de Portodemouros con destino a uso industrial, para a fábrica de fibras téxtiles que prevé implantar no concello veciño de Palas de Rei.

 

Unha vez recibida a solicitude de concesión de caudal por parte da empresa, Augas de Galicia, seguindo o procedemento establecido na lexislación, abriu hoxe o trámite de competencia de proxectos para que outras entidades interesadas poidan formular propostas de aproveitamento alternativas. O inicio deste trámite publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e prolongarase por espazo de un mes. O anuncio tamén sairá publicado nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

 

Unha vez transcorrido ese prazo, conforme o procedemento, deberán avaliarse os proxectos presentados, empezando por desbotar calquera iniciativa que contraveña o establecido no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

 

Os proxectos compatibles co Plan Hidrolóxico serán sometidos ao correspondente procedemento de avaliación ambiental e ao preceptivo proceso de información pública, ademais de recabar os informes dos organismos e concellos afectados.

 

O resultado dese proceso será determinante para a aceptación ou denegación da solicitude que, no caso de concederse, levará acompañada un conxunto de condicións cuxo cumprimento o titular deberá comprometese a asumir.

 
Con este procedemento de trámite de competencia de proxectos, Augas de Galicia garante a transparencia e o estrito cumprimento da normativa en materia de augas: co rexeitamento directo de calquera proxecto que vulnere o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e a garantía de participación dos axentes interesados, incluíndo un proceso de información pública.