A Xunta destina máis de 7 M€ á formación laboral de 1.227 persoas de Vilagarcía de Arousa cos cursos AFD, o obradoiro de emprego e a formación profesional

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o obradoiro de emprego dual Forme 2022, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 504.000€, xunto ao alcalde Alberto Varela
 

Esta iniciativa laboral conta cunha vintena de alumnos e desenvolverá os módulos de ensinanzas de Albanelería e Carpintaría durante doce meses cun formato dual que permitirá a realización de prácticas, ao seu remate, en empresas da contorna
 

O Goberno galego tamén desprega na capital do Salnés un total de once cursos de formación para desempregados, actividades de dixitalización para mulleres e 23 ciclos e 13 módulos de FP, que superan os 1.000 estudantes

Vilagarcía de Arousa, 30 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, está a destinar na actualidade máis de 7 millóns de euros para a formación e preparación laboral de 1.227 persoas de Vilagarcía de Arousa a través dos cursos AFD de formación para desempregados, o obradoiro de emprego, as actividades de dixitalización para mulleres e a amplia oferta de Formación Profesional (FP).

 

Estes datos foron revelados esta mañá polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, con motivo da súa visita ao obradoiro de emprego dual Forme 2022, impulsado polo Concello de Vilagarcía de Arousa e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 504.000 euros. Na mesma estivo acompañado polo alcalde arousán, Alberto Varela, e por outros representantes municipais, que comprobaron os traballos de elaboración, por parte dos alumnos, de parte da decoración de Nadal que locerá este ano en Vilagarcía e da restauración dunha planta deste centro de formación.

 

“A consecución dun emprego é fundamental para o desenvolvemento dunha vida digna e por iso é unha prioridade absoluta para a Xunta, xa que cremos que todos os galegos deben tentar formarse en algo que lles guste e ter oportunidades no mercado laboral. Por iso destinamos unha gran cantidade de recursos a esta área e, por suposto, en Vilagarcía de Arousa, como terceira cidade da provincia, facemos un gran esforzo que sempre paga a pena porque ten moitas recompensas persoais”, significou o representante autonómico.

 

Luis López explicou que, ademais das vinte persoas desempregadas que se preparan no obradoiro de emprego, na actualidade estanse a desenvolver en Vilagarcía de Arousa o curso formativo de dixitalización para mulleres con case trinta participantes e un total de once cursos AFD para 165 persoas que contan con temáticas diversas e relacionadas coas profesións con máis saídas laborais. Ditas actividades, impartidas por cinco empresas colaboradoras homologadas, versan sobre competencias clave en lingua galega, comunicación en lingua castelá e en linguas estranxeiras, competencia matemática, programación de sistemas informáticos, desenvolvemento de aplicacións de tecnoloxía web, organización e xestión de almacéns, asistencia documental e de xestión de despachos e dirección e coordinación de actividades de tempo libre.

 

Así mesmo, a oferta ordinaria e xeral da FP en Vilagarcía de Arousa rexistra este ano 1.013 estudantes distribuídos en 23 ciclos formativos e 13 módulos de ensino profesional grazas ao reforzo que supuxo a creación do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) no Bouza Brey -que é o primeiro do Salnés e que se modernizará cun investimento de 2,8 millóns de euros- e a oferta existente noutros institutos da vila.

 

Finalmente, Luis López destacou tamén a importancia en toda esta oferta de formación laboral do obradoiro de emprego Forme 2022, que se celebrará durante doce meses nos módulos de Albanelería e Carpintaría e ofertará a posibilidade de que os seus vinte participantes fagan, ao seu remate, prácticas en empresas da contorna.

Imaxes relacionadas