A Xunta convoca para decembro e marzo os propietarios dos terreos necesarios para executar a nova senda entre o Peteiro e o Baño, no concello de Mugardos

Esta actuación de mellora da seguridade e da mobilidade suporá un investimento autonómico de preto de 550.000 €


Habilitaranse case 600 metros de senda pola marxe dereita da estrada AC-131, desde onde finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño


O novo itinerario contribuirá á potenciación dunha contorna de gran valor natural e turístico: a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma


A Consellería de Infraestruturas licitou a semana pasada as obras co obxectivo de comezalas na primavera e rematalas no verán de 2023
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022

A Xunta convoca para os meses de  decembro e de marzo os propietarios dos terreos necesarios para executar as obras da nova senda entre O Peteiro e O Baño, no concello de Mugardos.

 

Esta actuación de mellora da seguridade e da mobilidade, á que a Xunta destina un investimento total de preto de 550.000 euros, céntrase na execución dunha senda de case 600 metros pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, desde onde finalizan as beirarrúas actuais no Peteiro, ata a vía urbana de acceso ao Baño.

 

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o día 15 de decembro, entre as 10:30 e as 11:30 horas, na Casa do Concello de Mugardos. A  formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 14 de marzo de 2023, no mesmo horario e lugar.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) pode ampliarse esta información: https://acortar.link/hokanE

O obxectivo da Xunta é mellorar a seguridade viaria nesta vía autonómica, ademais de contribuír a potenciar e poñer valor unha contorna de gran valor natural e de interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou as obras a semana pasada e prevé inicialas a comezos de primavera, co obxectivo de telas rematadas no verán, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses. As empresas interesadas nos traballos teñen de prazo ata o vindeiro día 21 de decembro para presentar as súas ofertas.

 
O detalle das obras

A Xunta, mediante esta actuación, habilitará case 600 metros de senda pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, entre O Peteiro e O Baño.

 

O novo itinerario terá un ancho de 2,5 metros, agás nos seus primeiros metros que será máis estreita, con 1,25 metros, para salvar os peches existentes.

 

Esta nova senda deseñouse prevendo a máxima integración e o respecto ás propiedades e aos valores ambientais. Por iso, aínda que transcorre paralela á vía, desviarase nalgún punto para non afectar ás árbores da contorna.

 

Tamén se executarán varios muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e para reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

 

As obras aproveitaranse, ademais, para habilitar unha pequena zona de esparcemento, con mobiliario urbano, que sirva para o descanso e o desfrute dos veciños. Xunto con isto, executaranse traballos complementarios: drenaxe, alumeado, reposición de accesos ou restauración paisaxística.

 

Froito do procedemento de información pública do proxecto, decidiuse axustar o trazado da nova senda para mellorar a conexión cos itinerarios que xa hai: así, no inicio do treito ampliarase a beirarrúa actual ocupando parte da beiravía da estrada e tamén se ampliará a senda para que a chegada ao paso de peóns da rúa  Rosalía de Castro sexa accesible.

 

A nova senda conta con fondos FEDER-REACT-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

Este novo investimento da Xunta en Mugardos enmárcase na liña de traballo impulsada pola Xunta para poñer ao servizo dos galegos itinerarios peonís que faciliten os movementos do día a día de xeito cómodo e seguro e cun maior respecto á contorna, evitando o uso do vehículo particular nos desprazamentos máis curtos.

 

Esa aposta levou á Xunta a executar na última década máis de 200 quilómetros de sendas peonís cun investimento de 50 M€. Entre elas, a senda de case 4 km entre Mugardos e Ares, na AC-130, que supuxo un investimento autonómico de 1,5 M€; ou o itinerario entre Franza e Rilo, con 1,3 km e case medio millón de euros de investimento, que se vén de rematar.