A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou hoxe o proxecto

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras do novo colector do río Sardiña, que culminarán o saneamento da Malata grazas a un investimento de 900.000 €

Vázquez Mourelle explica que a previsión é adxudicar as obras no verán para inicialas a continuación e rematalas xa en 2023
 

Explica que esta intervención adicional completará o saneamento da enseada da Malata, conectando a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña
 

Executaranse 13 pozos e un colector xeral por gravidade, que irá pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente culminada
 

As obras levadas a cabo na Malata cun investimento de 7,3 M€ conectaron un ámbito da cidade, onde se atopan vivendas, estadio de fútbol ou a piscina municipal, co sistema que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora
 

A conselleira salienta a aposta da Xunta polo saneamento da ría de Ferrol, cun investimento de máis de 115 M€, que culminou coas obras da Malata
 

Informa de que Augas de Galicia lle solicitou ao Concello o proxecto do saneamento do rural e está á espera de recibilo para avanzar no convenio

Ferrol, 30 de novembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras do novo colector do río Sardiña, que culminarán o saneamento da Malata grazas a un investimento de 900.000 euros.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou hoxe o proxecto do colector interceptor do río Sardiña.

 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle xa o anuncio desta licitación, establecendo como prazo para que as empresas poidan presentar as súas ofertas ata o 10 de xaneiro.

 

Vázquez Mourelle explicou que se prevén adxudicar as obras no verán para inicialas a continuación e que poidan estar rematadas xa en 2023.

 

Esta actuación enmárcase nun convenio de colaboración co Concello que, tendo en conta a redacción do proxecto e outras actividades complementarias, prevé un investimento total de 900.000 €, dos cales a Xunta achega o 70%.

 

A conselleira salientou a aposta polo saneamento da ría de Ferrol, no que a Xunta investiu máis de 115 M€, culminando o ano pasado as obras da Malata, que se verán complementadas agora coa rede de colectores da marxe esquerda do río Sardiña.

 

Lembrou que as actuacións na zona da Malata, que supuxeron un investimento de Augas de Galicia de 7,3 M€, permitiron conectar un ámbito da cidade, que ademais de vivendas inclúe o estadio de fútbol, a piscina municipal, a feira de mostras e o pavillón, co sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora.

 

Durante a execución da obra evidenciouse a necesidade de desenvolver unha actuación adicional para completar o saneamento da enseada da Malata, para conectar a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña.

 

Para iso procederase á construción dun colector xeral por gravidade, de 1.200 mm de diámetro e 574 metros de longo, ademais de 13 pozos, que irá pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente culminada.

 

O proxecto tamén inclúe un ramal secundario, que funcionará tamén por gravidade, con 120 metros e 7 pozos estancos.

 

Esta actuación está cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou, ademais, de que a Xunta, a través de Augas de Galicia, lle solicitou ao Concello o proxecto de saneamento do rural e está á espera de que llo remita para poder avanzar no convenio de colaboración.

Imaxes relacionadas