Máis de 19.000 vigueses descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou algúns dos establecementos participantes na iniciativa, á que na cidade viguesa se sumaron 451 negocios

Os comerciantes poden seguirse sumando ata a mañá ao programa, que xa mobilizou vendas por 600.000 euros na cidade

Conde subliña a importancia de atraer os clientes ao comercio de proximidade, e resalta a súa contribución á vertebración das vilas e cidades
 

Vigo, 29 de novembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta tarde diferentes establecementos participantes no Bono Activa Comercio, un programa de descontos ao que se sumaron xa 451 negocios vigueses.  

Os comerciantes teñen ata mañá para seguir adheríndose a este programa, que tal e como como salientou Conde, que visitou tendas das Travesas e na zona do Náutico, ata a data ten permitido mobilizar vendas por preto de 600.000 euros na cidade. Os 19.000 consumidores que descargaron os bonos por 30 euros en descontos teñen ata o 31 de decembro para realizar as súas compras. O vicepresidente primeiro explicou que, máis alá das cifras, o obxectivo da campaña é “achegar a xente ao comercio de proximidade”, que, tal e como subliñou, “é o que vertebra as cidades e as vilas”.  

A Administración autonómica destina 5 millóns de euros a este programa co que se busca impulsar as compras no comercio local, contribuíndo ao mesmo tempo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos. Máis de 166.000 consumidores descargaron en tan só tres días todos os descontos de 30 euros dispoñibles a través deste programa. 

O Bono Activa Comercio contribúe a dinamizar as vendas en datas clave para a actividade comercial como o Nadal ou o Black Friday. Así, entre o xoves 24 e o domingo 27 realizáronse en toda Galicia 19.240 operacións de compra co Bono Activa Comercio por un importe total de 1,2 millóns de euros. No caso de Vigo, entre o xoves e o domingo pasado o Bono Activa Comercio xerou 1.785 operacións de compra por valor de máis de 107.000 euros. 

A iniciativa súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.

 

 

Imaxes relacionadas