A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na inauguración das xornadas de formación da Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases de Residuos Municipais (ASPLARSEM)

Ángeles Vázquez reitera a aposta da Xunta por unha xestión de residuos eficiente e responsable

Salienta o traballo realizado por Sogama, un modelo de referencia en España e Europa, no que atinxe ao incremento da reciclaxe e a diminución do vertido

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiterou hoxe a aposta da Xunta por unha xestión de residuos eficiente e responsable co obxectivo de avanzar cara a unha economía circular durante a súa intervención na inauguración das xornadas de formación da Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases de Residuos Municipais (ASPLARSEM).

 

Nesa liña, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que xa no ano 2019 o Goberno galego aprobou a Estratexia de Economía Circular 2020-2030, que se basea no criterio multierre e que inclúe políticas xerais que involucran a todos os departamentos da Xunta de Galicia. E, a maiores, puxo en valor a aprobación da Lei galega de residuos e economía circular en 2021, “unha normativa moderna que pivota sobre a economía circular e que incorpora os maiores estándares presentes nas directivas europeas sobre esta materia”.

 

Este esforzo normativo vese complementado coa actualización en marcha dos plans de xestión de residuos municipais e de residuos industriais, que sentarán as liñas estratéxicas para acadar os obxectivos esixidos na normativa vixente sobre a prevención na xeración de residuos e a reciclaxe.

 

A maiores, a conselleira salientou o traballo realizado por Sogama, un modelo de referencia en España e Europa, no que atinxe ao incremento da reciclaxe e a diminución do vertido co obxectivo de pechar o aproveitamento dos materiais.

 

De feito, os participantes nesta xornada formativa terán a oportunidade de visitar as instalacións do complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, onde poderán coñecer o proceso de clasificación de envases lixeiros recollidos a través da bolsa amarela.

Imaxes relacionadas