A directora xeral de FP felicita ao Centro Integrado As Mercedes pola súa recente incorporación á Rede de Excelencia Estatal

O centro lucense é o único en Galicia en impartir o ciclo de Mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina, ademais do máster de FP en Aeronaves pilotadas de forma remota-Drons

A representante da Xunta visita tamén Norvento para explorar as posibilidades de colaboración en materia de FP Dual

Lugo, 29 de novembro de 2022 A directora xeral de Formación Profesional, Mª Eugenia Pérez, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o Centro Integrado de FP As Mercedes para felicitar a este centro pola súa recente incorporación á Rede Estatal de Excelencia de Formación Profesional. A representante da Xunta de Galicia puxo en valor o crecemento das Mercedes, especialmente desde a súa transformación en Centro Integrado, que o fixo referente en familias profesionais como a de Enerxía e auga ou Transporte e mantemento de vehículos.

De feito, nesta última, o lucense é o único centro de Galicia que imparte o ciclo de Mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina, ademais do máster de FP en Aeronaves pilotadas de forma remota-Drons. Nesta aposta pola innovación no sector da aeronáutica inclúense iniciativas que xeran un valor engadido para a economía do territorio como drons impulsados por hidróxeno, fabricación de aeronaves non tripuladas con paneis solares, entre outras.

A integración nesta rede, a proposta da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, suporá a posta en marcha de distintos plans e proxectos de actuación para avanzar na transformación tecnolóxica dixital e metodolóxica. Dos centros seleccionados (ademais das Mercedes, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e o Ánxel Casal da Coruña) valorouse o seu traballo e capacidade para ser referentes nos ámbitos da innovación e investigación aplicada así como do emprendemento activo no ámbito local e autonómico.

Tras o seu percorrido polas Mercedes, a directora xeral visitou a empresa Norvento, onde explorou cos seus responsables as posibilidades de colaboración en materia de FP Dual ou formación en centros de traballo para o alumnado de centros formativos.

Imaxes relacionadas