A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo participa estes días en Bilbao no XXI Congreso de Urbanismo de Euskadi

A Xunta avoga por unir esforzos entre administracións públicas e axentes privados para impulsar as axendas urbanas co reto de facer territorios máis inclusivos

Encarnación Rivas interveu en representación do Goberno galego nalgún dos debates propostos ao redor das posibles intervencións para abordar as desigualdades sociais

Bilbao (Euskadi), 29 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia defendeu a necesidade de unir esforzos entre administracións públicas e o sector privado para impulsar e promover as Axendas Urbanas en todo o país co reto común de conseguir territorios máis inclusivos e cohesionados.

 

Así o expuxo a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, quen participa desde onte en representación da Xunta no XXI Congreso de Urbanismo de Euskadi, unha cita de gran relevancia a nivel nacional e que nesta edición se celebra baixo o lema Territorios e cidades inclusivos para non deixar a ninguén atrás.

 

A este respecto, a directora xeral incidiu na necesidade de que os plans de acción específicos autonómicos, as iniciativas locais e as propostas promovidas polos axentes económicos e sociais se complementen entre si, de xeito que xuntos poidan impulsar a concienciación e a aceptación das Axendas urbanas territoriais como elemento clave de cara ao futuro.

 

Así, Rivas subliñou que as desigualdades existentes entre diferentes grupos sociais e individuos teñen, na maioría dos casos, unha marcada relación cos espazos que habitan. Esta relación entre a desigualdade e o espazo habitado se manifesta en diferentes sectores e escalas, cun carácter transversal.

 

Neste sentido, o congreso centrouse en analizar o potencial das intervencións que abordan as desigualdades sociais para acadar cidades e territorios máis cohesionados e sostibles a través de debates organizados ao redor de catro bloques nos que diferentes axentes tiveron ocasión de dialogar sobre a fenda social; os territorios equilibrados, prosperidade e oportunidades no continuo urbano-rural; cidades máis sostibles: inclusión social e equidade; e un novo contrato social para acadar estes obxectivos.

Imaxes relacionadas