A Xunta participa en Tui no acto institucional de peche da ruta fluvial do Miño posto en marcha ao abeiro do programa POCTEP

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participaron esta mañá no acto

A iniciativa xurdiu no marco do proxecto “Río Minho: Un destino navegable”, apoiado polo Programa INTERREG V, froito da colaboración entre as Eurocidades Monção – Salvaterra de Miño e Valença – Tui

Tui, 29 de novembro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participaron esta mañá no acto de peche da ruta fluvial do Miño, que foi posta en marcha a pasado ano no marco do proxecto “Río Minho: Un destino navegable”, apoiado polo programa INTERREG V–A España – Portugal (POCTEP)

 

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta iniciativa, ademais de ofrecer paseos fluviais, puxo en valor o diverso patrimonio natural, cultural e etnográfico das dúas eurocidades (Monção–Salvaterra de Miño e Valença-Tui), posicionando o río Miño como un destino turístico único e diferenciador.

 

Inaugurada no ano 2021, a Ruta do Río Miño dispuxo de percorridos curtos, dunha hora de duración, e percorridos amplos, dunha xornada completa, con visitas aos centros históricos das catro localidades e degustación de produtos locais. Neste senso, Nava Castro destacou que o éxito desta iniciativa confirma o forte atractivo turístico desta comarca así como a calidade  da navegabilidade do río, contribuíndo a ampliar a oferta turística, cultural e patrimonial dos concellos bañados polo río Miño.

 

Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, puxo en valor o grande interese deste espazo transfronteirizo en canto á diversidade de hábitats, que inclúe ecosistemas fluviais, de esteiro, litorais e lagoas. Recoñecida como Rede Natura 2000, a súa riqueza botánica -con máis de 400 tipoloxías- e a fauna piscícola do río Miño -con 49 especies, entre as que destacan a lamprea, o reo, a anguía ou o salmón atlántico- convértena na zona transfronteiriza con maior área protexida da Península Ibérica e unha das maiores de Europa.

 

E na liña de valorizar este espazo natural, a directora xeral explicou que Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adecuou o Centro transfronteirizo de interpretación do río Miño na illa de Fillaboa coa dotación de recursos informáticos e a instalación de paneis interpretativos da flora e fauna da contorna para fomentar a educación ambiental e os valores de conservación da natureza.

 

Ademais, tamén se realizaron un vídeo promocional deste centro, a páxina web do Xeoportal do Río Miño, a guía de conservación de aves desta área xeográfica e o inventario do Programa de control de plantas acuáticas exóticas invasoras.

 
 
 

Esta iniciativa xorde no marco do proxecto “Río Minho: Un destino navegable”, apoiado polo Programa INTERREG V–A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, froito da colaboración entre as Eurocidades Monção – Salvaterra de Miño e Valença – Tui, ademais de contar co apoio dos seguintes socios: Porto e Norte de Portugal, Axencia de Turismo de Galicia e Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas