O Plan de Saúde Mental da Xunta reforzará en 2023 a cobertura do Programa de Atención a Domicilio de Saúde Mental en Lugo

As prazas necesarias están dentro das 61 novas prazas de saúde mental incluídas no Proxecto de Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugura no HULA unha mostra artística de pacientes de saúde mental da área sanitaria lucense
 

Comesaña lembra o reforzo do programa sociosanitario de saúde mental e a creación dun hospital de día infanto-xuvenil e dunha unidade de prevención do suicidio nesta área

Lugo, 29 de novembro de 2022 O Plan de Saúde Mental da Xunta reforzará o vindeiro ano a cobertura do Programa de Atención a Domicilio de Saúde Mental en Lugo. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inauguración no HULA dunha mostra artística de pacientes de saúde mental desta área sanitaria. No acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz; polo director asistencial da área, Rafael Monte; e polo xefe de servizo de Psiquiatría, Luis Vila.

 

Tal e como remarcou o responsable da sanidade pública galega, entre as 61 novas prazas que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano crean en materia de saúde mental, están as previstas para reforzar o Programa de Hospitalización a Domicilio de saúde mental na área de Lugo. O persoal de reforzo neste programa “permitirá facer unha continuidade dos coidados no domicilio para aqueles pacientes que saian dun ingreso e estean xa en proceso de recuperación”. Unha novidade moi importante que remarcou o conselleiro é que ademais da creación de novas prazas, “vaise blindar a estabilidade dunha boa parte delas”.

 

Ao respecto deste tema, e respondendo á prioridade que a Xunta pon no reforzo destes servizos sanitarios, hai dous meses o Executivo galego levou ao Parlamento unha lei que vai permitir ofertar as prazas de psiquiatría, psicoloxía e enfermería especialista en saúde mental a través dun concurso de méritos. Trátase, -dixo o conselleiro-, dunha fórmula moito máis áxil que unhas oposicións “e que vai captar talento para o Sergas ao permitir acceder en poucos meses a unha praza en propiedade”.

 

Medidas ao abeiro do Plan de Saúde Mental

Na súa intervención no acto de inauguración da Exposición, o conselleiro remarcou que, ao abeiro do Plan de Saúde Mental que a Xunta aprobou en 2020, e que prevé investir máis de 83 millóns e contratar a 241 profesionais, reforzáronse con case 20 profesionais os equipos sociosanitarios de saúde mental que atenden ás persoas que están nas residencias. En Lugo, dixo Comesaña, “o reforzo deste persoal posibilitou chegar a nove residencias máis ata chegar ás 33”. Tamén nestes tres anos, a Xunta puxo en marcha catro novos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil, en Vigo, Santiago, Ourense e Lugo, e nos dous anos seguintes poranse en marcha os da Coruña, Ferrol e Pontevedra.

 

É especialmente importante remarcar, -proseguiu o conselleiro-, a posta en marcha das unidades de prevención do suicidio. No ano 2020 só existía unha na área de Ourense e o Plan propuxo unha en cada unha das restantes áreas sanitarias, sendo a de Lugo a primeira, que comezou a funcionar a finais dese ano.

 

Asemade, o máximo responsable do Sergas tamén sinalou que a Xunta vai destinar 9,5 millóns de euros para concertar coas entidades do sector, prazas nos centros de rehabilitación psisosocial e laboral, pisos protexidos ou unidades residenciais. Ademais, reforzará as axudas para os programas desenvoltos por estas entidades, financiando 60 programas con máis de un millón de euros.

 

Exposición

A “VIII exposición Arte no hospital”, inaugurada hoxe polo conselleiro, está organizada polo Servizo de Psiquiatría da Area Sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, e composta por traballos realizados por pacientes do Servizo de Psiquiatría. Os traballos expostos foron realizados por pacientes do Servizo de Psiquiatría nos obradoiros ocupacionais do Hospital de Día de Saúde Mental e do Centro de Rehabilitación Hospitalaria de Saúde Mental de Calde, no marco dos programas de rehabilitación e actividades deseñados por un equipo multidisciplinar de profesionais destes centros atendendo ás necesidades de cada paciente.

 

O obxectivo desta exposición, ao igual que a propia realización dos traballos, é terapéutico, xa que con estas iniciativas búscase promover e potenciar a recuperación funcional e social do paciente. Tamén persegue favorecer a relación entre a sociedade en xeral e as persoas que padecen problemas de saúde mental, contribuíndo deste xeito a loitar contra a súa estigmatización.

 

A exposición permanecerá aberta ata o día 1 de decembro, en horario de 11 da mañá a 14,30 horas o día 29; e de 9 da mañá a 14,30 os outros dous días. Estará ubicada na entrada principal do Hospital Universitario Lucus Augusti, e poderá ser visitada por calquera persoa que desexe acercarse e contemplar os traballos realizados polos pacientes do Servizo de Psiquiatría.