O conselleiro do Medio Rural e os directores xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal fixeron entrega esta mañá deste material ao persoal da Consellería

A Xunta investiu 3,8 M€ en 89 novos vehículos para os axentes ambientais e persoal técnico da Consellería do Medio Rural

A este investimento súmanse outros 2,7 M€ para a compra doutros 61 vehículos no ano 2023 e arredor dun millón de euros correspondente á subministración mediante renting doutros 137 vehículos tipo pick-up para as brigadas de seis meses
 

Esta renovación do parque móbil supón a compra ou aluguer dun total de 287 vehículos por un importe global de 7,5 M€
 

Cómpre destacar que tamén está previsto entregar en 2023 ao Servizo antiincendios arredor dunha trintena de motobombas e máis dunha ducia de tractores-cisterna
 

Destinaranse 700.000 euros a ampliar o catálogo de accións do Plan de formación do persoal antiincendios e 1,5 M€ á creación dun novo grupo de profesionais especializados en grandes incendios para a loita contra esta nova tipoloxía de lumes
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

A Xunta investiu un total de 3,8 millóns de euros na compra de 89 novos vehículos para os axentes ambientais e o persoal técnico da Consellería do Medio Rural. A este investimento súmanse outros 2,7 millóns para a compra doutros 61 vehículos no ano 2023 e arredor dun millón de euros correspondente á subministración mediante renting doutros 137 vehículos tipo pick-up para as brigadas de seis meses no ano 2022, que tamén se renovará o vindeiro ano.

 

Así o destacou esta mañá en Santiago o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a entrega de vehículos (neste caso 89 todoterreos), onde matizou que o importe global desta renovación de ata 287 vehículos para o persoal do seu departamento ascende a uns 7,5 millóns de euros.

 

Neste senso, José González, que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, sinalou que o fin último destas entregas é mellorar o servizo que o persoal do sector forestal lle presta aos cidadáns. Así mesmo, explicou que unha parte dos 89 vehículos entregados hoxe será para os distritos forestais (cada un recibirá tres) e outra repartirase entre o persoal técnico da Dirección Xeral de Defensa do Monte e o da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Ademais, cabe indicar que 35 vehículos están financiados ao 100% con fondos REACT-UE como resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

A maiores, José González trasladou que este esforzo en materia de dotación de vehículos complementa outros que fai a Xunta en materia forestal e, máis concretamente, na loita contra os lumes. Así, salientou que tamén está previsto entregar en 2023 ao Servizo antiincendios arredor dunha trintena de motobombas e máis dunha ducia de tractores-cisterna, xunto a equipamentos de inverno e verán do dispositivo ou equipos de protección individual (EPI) de extinción e adquisición de autorrescatadores.

 

Así mesmo, o conselleiro puxo en valor que haberá ata 14,8 millóns de euros para a construción e mellora de infraestruturas preventivas, que comprenden, entre outros investimentos, os destinados a unha nova base de helicópteros en Lalín e para mellorar a de San Xoán de Río, a tres novas bases de unidades operativas (denominadas BUO) en Muíños, Rianxo e Mondoñedo, a converter a nave do polígono industrial lalinense de Botos nun taller e nave de almacenamento integral do Servizo e a rematar a base e o distrito forestal de Verín.

 
Por último, cun investimento de 700.000 euros ampliarase o catálogo de accións do Plan de formación do persoal antiincendios e, cunha partida de 1,5 millóns crearase un novo grupo formado por profesionais especializados en grandes incendios para a loita contra esta nova tipoloxía de lumes que afecta a nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural