Esta tarde, na inauguración do curso universitario da UNED en Ourense

Gabriel Alén destaca o labor educativo da UNED e a súa adaptación ás novas tecnoloxías

O delegado territorial fixo fincapé no labor esencial desenvolvido “os avances sociais e políticos, a necesidade de formarse para acceder ao mundo laboral”
 

Gabriel Alén incidiu na idea constatada de que é necesario aprender durante toda a vida; “actualmente, a idea compartida e bastante xeneralizada é que a educación non se circunscribe ao período escolar, senón que sempre hai algo novo que aprender”
 

O delegado territorial tamén subliñou que xunto ao avance no pensamento humano e na apertura do abanico das formas de aprender, xorden as transformacións tecnolóxicas; “estas fan posible reducir a distancia. Os avances técnicos danse tanto na área da comunicación como na informática, con equipos de gravación e transmisión de textos”
 

Destacou tamén Gabriel Alén o apoio do Goberno galego, “a Xunta presta o seu amparo á educación superior en Galicia e por tanto faino tamén coa UNED, cos seus catro centros asociados nas catro provincias”

Ourense, 28 de novembro de 2022 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou hoxe a importancia da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) “que conta xa con cincuenta anos de vida e segue con fidelidade os seus principios creadores, permitindo a convivencia do rural e o universitario, crucial para contornas como a galegas e ofrece aos alumnos igualdade de oportunidades para acceder aos estudos”.

 

Durante a súa asistencia ao acto de inauguración do curso universitario da UNED en Ourense, nunha cerimonia desenvolvida esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o delegado territorial fixo fincapé no labor esencial desenvolvido “os avances sociais e políticos, a necesidade de formarse para acceder ao mundo laboral, a falta de sistemas convencionais adaptados para os cambios da vida actual e o imparable crecemento das ciencias da educación e da tecnoloxía fixeron posible o desenvolvemento da educación a distancia en todo o mundo”.

 

Gabriel Alén incidiu na idea constatada de que é necesario aprender durante toda a vida; “actualmente, a idea compartida e bastante xeneralizada é que a educación non se circunscribe ao período escolar, senón que sempre hai algo novo que aprender”. E esta circunstancia -aclarou Gabriel Alén- “de educación permanente marca un novo fito na educación e xera un novo panorama educativo xa que xorden novas situacións: persoas que deben combinar a súa vida persoal co estudo ou o seu traballo coa súa formación. As estruturas convencionais, definitivamente, xa non podían dar resposta a esta idea”.

 

O delegado territorial tamén subliñou que xunto ao avance no pensamento humano e na apertura do abanico das formas de aprender, xorden as transformacións tecnolóxicas; “estas fan posible reducir a distancia. Os avances técnicos danse tanto na área da comunicación como na informática, con equipos de gravación e transmisión de textos”.

 

Ademais, o delegado territorial quixo poñer en valor o papel dos mestres e profesores, pois “o alumnado da UNED aprende a través dos sistemas dixitais e a Internet, pero ao seu carón están tamén os seus ensinantes. Para eles, ao igual que para o resto dos universitarios, os docentes son a pedra angular da súa formación, que se completa, iso si, co uso de plataformas virtuais e audiovisuais”.

 

Destacou tamén Gabriel Alén o apoio do Goberno galego, “a Xunta presta o seu amparo á educación superior en Galicia e por tanto faino tamén coa UNED, cos seus catro centros asociados nas catro provincias”. “Formamos parte do Consorcio de UNED Ourense, Universidade que apoiamos desde o seu comezo nesta terra porque cremos no seu servizo público dende hai dez lustros”; recalcou.

 
Por último, o delegado territorial lembrou que foron moitas xeracións de ourensáns as que se formaron en UNED Ourense, polo que “é unha honra estar aquí celebrando a importancia da educación superior e da investigación universitaria no benestar do noso país”; rematou..