A Xunta retoma a execución das obras de mellora do saneamento de Pontedeume, ás que se destina un investimento total de máis de 4,2 M€

Reactívase a actuación de mellora do sistema de tratamento de augas residuais, que inclúe a construción dun novo colector, tanque de retención e un bombeo

As dificultades internas da empresa adxudicataria motivaron unha paralización dos traballos que agora se retoman coa limpeza e montaxe de equipos na zona das obras, paso previo á execución dos muros interiores

Esta actuación correspóndese coa 1ª fase de melloras nos sistemas de depuración na ría de Pontedeume, que se completan con dúas obras en Cabanas e buscan eliminar os vertidos contaminantes, cun investimento total de 8,4 M€

A comezos do vindeiro ano empezará a execución das obras do novo colector interceptor de Cabanas

A Xunta apoia os concellos nas súas competencias de saneamento e depuración, que deberán asumir a continuación unha xestión axeitada das novas infraestruturas
 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, retomou hoxe a execución das obras de mellora do saneamento de Pontedeume, que se viron paralizadas polas dificultades internas da empresa adxudicataria. 

Tras superarse esta situación, reinícianse hoxe os traballos, aos que a Xunta destina un investimento total de máis de 4,2 M€ e que se corresponden coa 1ª fase de melloras nos sistemas de depuración da ría de Pontedeume, con actuacións neste municipio e en Cabanas. 

O obxectivo é optimizar o funcionamento do sistema de tratamento de augas residuais que comparten este municipio e o veciño de Cabanas e nos que se inclúe a construción do novo colector, tanque de retención e bombeo. 

Durante as primeiras semanas, os traballos estarán centrados na limpeza e na instalación de equipos, co obxectivo de poder retomar o antes posible a execución dos muros interiores que falta na infraestrutura hidráulica. En concreto, os traballos de limpeza e montaxe de equipo desenvolveranse durante as dúas vindeiras semanas, para a continuación iniciar a construción dos muros interiores. 

As obras que están a executarse consisten na construción dun novo colector interceptor, máis adaptado ás necesidades actuais de saneamento e que contribúa a reducir as infiltracións de auga de mar e de augas brancas que chegan á depuradora. Este novo colector está xa executado no seu treito que transcorre ao longo do paseo marítimo, no que xa se está reposto actualmente o aglomerado e o carril bici. 

Xunto con isto, está avanzado o baipás e os pilotes do tanque de retención previsto, que permitirá regular a entrada de caudais á depuradora de Centroña, así como evitar vertidos. Ademais, prevese  un colector de alivio deste tanque e una cámara de bombeo das augas ata a estación de depuración. 

Ademais, as obras inclúen a renovación da rede de abastecemento no treito afectado polo novo colector. 

Paralelamente, a Xunta avanza no impulso das outras dúas actuacións que completan o saneamento integral da ría de Pontedeume, sumando un investimento total de 8,5 M€.

 O saneamento da ría de Pontedeume completarase coa renovación do colector interceptor no núcleo de Cabanas, no que a Xunta investirá 1,4 M€ e cuxas obras comezarán a comezos do vindeiro ano; e coas obras de construción dun tanque de retención e impulsión en Cabanas, ás que se destinarán case 2,9 M€. 

O conxunto das obras de saneamento de Cabanas e Pontedeume permitirá eliminar as infiltracións de auga de mar e de augas brancas e eliminar os vertidos contaminantes á ría. 

Con estas obras a Xunta apoia os concellos de Cabanas e Pontedeume para que exerzan en mellores condicións as súas competencias de saneamento e depuración das auga. Unha vez concluídos os traballos, as administracións locais deberán realizar unha xestión axeitada das novas infraestruturas.