Fernández-Tapias destaca as 70 iniciativas do programa “O Teu Xacobeo” que mobilizaron máis de 2,3 M€ na cidade de Vigo

A delegada territorial da Xunta salienta a “transversalidade” das actuacións que permitiu acadar o obxectivo descentralizador

“Permitiunos diversificar, entre moitos colectivos, o impacto do Camiño e o valor do Ano Santo”, sinalou
 

Vigo, 28 de novembro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns no acto de balance do programa “O Teu Xacobeo” promovido pola Xunta de Galicia para estender a programación sociocultural do Ano Santo a toda a sociedade. No acto de presentación tamén participaron o director da Fundación Menela, Cipriano Jiménez, e Lorena Vilán, directora de Prado Surf, para relatar a súa experiencia a través dos seus proxectos xacobeos.

 

A iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia apoiou 70 proxectos na cidade de Vigo (107 en toda a área viguesa) que permitiron mobilizar máis de 2,3 millóns de euros (case 3 millóns nos municipios da comarca). Fernández-Tapias subliñou o éxito do programa e expuxo que “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.

 

Os proxectos levados a cabo en Vigo recibiron preto de 1,1 milóns de euros en achegas, mentres que outros 300.000 foron para actuacións nos concellos de Mondariz, Mos, Oia, Nigrán, Ponteareas, A Guarda, Covelo, O Rosal, Gondomar, As Neves e Tui.

 

Segundo dixo, “trátase da maior convocatoria aberta de proxectos de dinamización sociocultural da historia de Galicia, o que permite espallar actividades en case todos os concellos da provincia implicando a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar”.

 

“Esta iniciativa pretende incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, facendo máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.”, apuntou a representante autonómica, para destacar que todos estes proxectos “contribuíron moito a converter a Galicia nun destino seguro e fiable, situando a nosa comunidade como a terceira en recuperación de viaxeiros e a segunda con maior recuperación da demanda hoteleira”.

 

Neste senso, a representante autonómica insistiu en que a Xunta traballou para facer deste o mellor Xacobeo de todos os que se recordan, cunha potente programación en 2022 na que Vigo xogou un papel fundamental.

Imaxes relacionadas