O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participaron esta mañá na xornada Mellora xenética de coníferas

A Xunta pon en valor a súa aposta pola colaboración público-privada e pola innovación a prol do sector forestal galego

O titular de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, centrou a súa intervención nas liñas de traballo actuais dentro da cooperación público-privada, no marco do Plan Forestal de Galicia


Neste marco, salientou o convenio de colaboración en marcha entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Arume para o impulso da xestión forestal activa


Pola súa banda, o responsable da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, desenvolveu a súa charla arredor do apoio que presta a Xunta á innovación no agro e máis especificamente no sector forestal

 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022 O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participaron esta mañá na xornada Mellora xenética de coníferas. O impulso da planta forestal de calidade, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

 

Por unha banda, José Luis Chan centrou a súa intervención nas liñas de traballo actuais dentro da colaboración público-privada no eido forestal. Así, enmarcou esta cooperación na revisión do Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica” e, neste contexto, fixo especial referencia aos seus eixos estratéxicos. Nesta liña, o director xeral lembrou que entre estes eixos atópanse a contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais; a protección, sanidade forestal e prevención e defensa contra incendios; a xestión forestal e a loita contra o abandono; os recursos forestais e a cadea monte-industria; a estatística, formación e investigación e a planificación, ordenación e gobernanza.

 

Neste contexto, José Luis Chan salientou o convenio de colaboración en marcha entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Arume para o impulso da xestión forestal activa. Un acordo que ten entre outros obxectivos promover actividades de investigación, en particular nos ámbitos da mellora xenética das coníferas, así como producir materiais xenéticos de coníferas de maior calidade e, en concreto, aqueles que amosen resistencia fronte a doenzas forestais, explicou o director.

 
Innovación

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, desenvolveu a súa charla arredor do apoio que presta a Xunta á innovación no agro e máis especificamente no sector forestal. Desta forma, Cabarcos sinalou que os instrumentos e medidas que permiten garantir que o coñecemento, a formación e o asesoramento cheguen ao medio rural apóianse decisivamente nas medidas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

 

Neste marco, impúlsanse accións de transferencia de coñecementos e información, que perseguen, entre outros obxectivos, mellorar a competitividade das explotacións e facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados. Tamén, apóiase a formación profesional e a adquisición de competencias mediante un completo plan formativo que inclúe cursos, conferencias, seminarios temáticos, obradoiros prácticos e visitas.

 

Outras liñas de traballo a prol da innovación canalizadas a través do devandito PDR son as que fomentan actividades de demostración e información, intercambios de breve duración e visitas relacionadas coa xestión das explotacións, os servizos de asesoramento xestión e substitución, así como a cooperación, destinada a apoiar tanto os grupos operativos coma os proxectos innovadores.

Imaxes relacionadas