O alumnado do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo afonda nas tecnoloxías que favorecen a descarbonización da pesca

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022

O Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo, dependente da Consellería do Mar, celebrou nos últimos días a charla formativa Refrixeración e descarbonización a bordo na que se abordaron as novas tecnoloxías que diminúen o impacto ambiental na industria pesqueira. A través desta acción, o alumnado deste Centro de Referencia Nacional afondou da man de dous enxeñeiros técnicos en sistemas industriais no desenvolvemento de tecnoloxías que buscan reducir as emisións de CO2 e mellorar os sistemas de frío industriais a bordo de buques utilizando como alternativa refrixerantes naturais.

Deste xeito, o alumnado do centro coñeceu investigacións recentes e as innovacións que se están a desenvolver para avanzar na sustentabilidade da actividade pesqueira, que se caracteriza pola súa baixa pegada de carbono. Este tipo de actividades enmárcanse na aposta da Xunta pola remuda xeracional a través de medidas como as melloras a bordo de buques que contribúan á sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira e, ao mesmo tempo, a facela atractiva para a xente nova.

Imaxes relacionadas