A Xunta apoia a Unidade Mixta de Investigación ‘Volta’ que traballa na obtención de baterías eficientes, sostibles e duradeiras para a electromobilidade

Esta alianza estratéxica entre o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) e a empresa Ferroglobe Innovation permitirá avanzar nunha mellora da sustentabilide ambiental da industria, o fomento da mobilidade sostible, a redución da contaminación e a mellora da calidade do aire
 

Esta Unidade Mixta conta cun orzamento de máis de 2M€ ata 2025 e súmase ás outras 54 unidades apoiadas polo Goberno galego desde a posta en marcha deste instrumento, no que teñen participado 39 empresas e 14 centros de coñecemento e mobilizado un investimento de case 155M€
 

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participaron na xornada de presentación

A Coruña, 28 de novembro de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, interviron esta mañá no acto de presentación da nova Unidade Mixta de Investigación Volta, impulsada polo centro tecnolóxico Cetim e a empresa Ferroglobe Innovation e apoiada pola Xunta de Galicia co obxectivo de obter baterías de alta densidade enerxética, sostibles e con longa vida útil baseadas en silicio para o seu uso en mobilidade eléctrica.

 

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou na apertura da xornada a contribución desta unidade mixta de investigación ao aumento das capacidades científicas e industriais de Galicia no ámbito das solucións para mellorar a eficiencia e a sostibilidade das baterías para vehículos eléctricos e, polo tanto, ao fomento da mobilidade sostible, á redución da contaminación e á mellora da calidade do aire e da calidade de vida das persoas.

 

Ademais, apuntou que esta unidade mixta, dotada con máis de 2 millóns de euros de orzamento ata 2025, alíñase coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia na medida en que potencia a competitividade do sector industrial galego a través da optimización dos seus procesos produtivos, para mellorar a eficiencia e o comportamento ambiental da industria, e avanzando cara á fabricación intelixente coa implantación de tecnoloxías 4.0.

 

A directora resaltou tamén a experiencia da empresa Ferroglobe Innovation, que centraliza todas as actividades de I+D+i relacionadas con novas calidades e usos do silicio, e do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), que conta cun área de coñecemento especializada en novos materiais. Ambas entidades colaboran xa desde 2020 no proxecto Eco-Smart BATT, apoiado a través da convocatoria de Fábrica Intelixente e Sostible da Axencia Galega de Innovación, focalizado en mellorar significativamente a densidade enerxética, o custo e a sostibilidade das baterías ion-litio.

 

Na unidade mixta Volta investigarán solucións electroquímicas tecnoloxicamente avanzadas, de alta eficiencia enerxética e medioambientalmente sostibles basedas en silicio, a través do estudo de compostos sostibles principalmente en base a biocarbones procedentes de especies/residuos de alto impacto en Galicia e estratexias de recuperación doutros materiais residuais de alto interese en electroquímica apoiadas en estratexias 4.0 para asegurar a trazabilidade desde a orixe.

 

Pola súa banda, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, pechou a xornada de presentación desta unidade mixta destacando que Volta é unha iniciativa que encaixa cos obxectivos que impulsa a Xunta de Galicia. En concreto, no que respecta á investigación e desenvolvemento de novos materiais para o almacenamento e a eficiencia enerxética, no impulso da competitividade industrial, así como na dixitalización da economia galega e a circularidade.

 

A secretaria xeral subliñou que este proxecto permitirá a Galicia competir internacionalmente nun segmento industrial con moitas perspectivas de desenvolvemento futuro e contribuíndo a que Galicia poida ser protagonista da transición enerxética.

 

Unidades mixtas de investigación

As unidades mixtas de investigación son un instrumento de cooperación entre organismos de investigación e o tecido empresarial impulsado pola Xunta de Galicia para desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i estratéxicas para a Comunidade co obxectivo de fomentar a transferencia de I+D ao tecido industrial e a atracción de empresas cara Galicia. Desde a súa posta en marcha en 2014, o Goberno autonómico apoiou 55 unidades mixtas de investigación, coa participación de 39 empresas -a maioría grandes compañías- e 14 centros de coñecemento e un investimento mobilizado de preto de 155 millóns de euros.

Imaxes relacionadas