O conselleiro de Educación visita este centro situado en Bandeira

A Xunta licita por 400.000€ as melloras das instalacións do colexio Ramón Valenzuela de Silleda

Román Rodríguez explica que as obras abranguen a reforma de aseos e a substitución de cubertas, entre outras actuacións

Tamén avanzou que se está ultimando un proxecto para acometer diversas melloras no colexio de Silleda
 

Silleda (Pontevedra), 28 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia vai acometer unha reforma das instalacións do colexio CEIP Ramón de Valenzuela, en Silleda, co fin de facelas máis confortables e máis sostibles, seguindo as especificidades marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta dos próximos anos para actuacións nos centros educativos galegos. 

Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro educativo para presentar os detalles das obras que se van a levar a cabo e que suporán un investimento de preto de 400.000 euros por parte do Goberno galego.  

Segundo explicou o conselleiro, o proxecto foi licitado hoxe mesmo e, unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de execución de tres meses. Ademais, a consellería está ultimando o proxecto para acometer diversas melloras relativas ao colexio CEIP de Silleda, que tamén se licitarán proximamente.  

No caso do Ramón de Valenzuela de Bandeira, os  traballos abranguen a reforma dos aseos da planta baixa e da primeira planta, así como a colocación de falso teito e iluminación tipo led na primeira planta.  

Así mesmo, procederase á substitución das cubertas planas do teito da planta baixa, da zona de acceso ao centro e da zona traseira por outras novas de similares características. E no patio cuberto cambiarase a cuberta inclinada de fibrocemento por outra de panel sándwich.  

O investimento da Xunta nos centros educativos de Silleda nos últimos anos elévase a máis de 800.000€, aos que hai que engadir esta actuación licita hoxe. Entre as máis recentes cómpre lembrar o recente cambio de luminarias do instituto plurilingüe Pintor Colmeiro, cun investimento de máis de 96.000 euros.

 

Imaxes relacionadas