Fernández-Tapias pide aos participantes do evento Gastro Movida Summit que se convertan nos “embaixadores gastrónomicos” de Vigo

A delegada da Xunta en Vigo deu a benvida aos visitantes antes do seu percorrido pola ría para coñecer o produto local
 

“Temos o mellor pescado e marisco e todos os ingredientes para exportar Vigo como destino turístico gastronómico”, destacou
 

Os participantes celebrarán un congreso con charlas e debates entre o 28 e 29 de novembro

Vigo, 28 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu este mércores aos participantes no evento Gastro Movida Summit – Xacobeo 21-22 que durante este luns e martes converterán a cidade en “epicentro” da gastronomía.

 

“Sodes os mellores embaixadores para exportar a calidade dos nosos produtos e da nosa cociña”, sinalou a representante autonómica antes de que os visitantes partiran en barco para facer un percorrido pola ría de Vigo. A cita reunirá a máis de 30 establecementos de Vigo arredor da cociña grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través do Plan Xacobeo.

 

Fernández-Tapias destacou que “o noso mar é unha xoia única, os nosos pescados e mariscos viaxan a toda España e a nosa lonxa é a máis importante de Europa, polo que creo que Gastro Movida á a panca perfecta para difundir contidos de valor da industria da gastronomía”. Este luns, tras o percorrido en barco pola ría de Vigo para coñecer o produto local e a pesca artesanal, celebrarase unha comida no establecemento Maruja Limón.

 

Mañá, martes 29 de novembro, será a quenda do congreso na sede do Celta na rúa Príncipe, con mesas redondas e charlas. No evento Gastro Movida participarán restaurantes como Silabario, O Croque, Niño Corvo, Kero, Pintxoteca, María Manuel, Lume de Carozo, Mijo, Nero ou Nikko Gastronómico. Tamén estarán as escolas de cociña Manuel Antonio e Harina Blanca. As marcas Coca-Cola e Gadis colaborarán no evento.

 

Imaxes relacionadas