A Xunta destina máis de 877.000 euros á renovación integral do salón de actos do CIFP Imaxe e Son da Coruña

Trenor visitou o centro para anunciar a licitación desta actuación moi necesaria para poder optimizar o uso docente que se fai deste espazo

A Coruña, 28 de novembro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado por Maria Eugenia Perez Fernández, directora xeral de Formación Profesional, e polo xefe territorial da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidade, Indalecio Cabana, visitou, está mañá, o CIFP Imaxe e Son da Coruña para anunciar a licitación das obras de reforma do seu salón de actos por un importe de máis de 877.000 euros. O prazo de execución destes traballos é de seis meses.

 

Trenor explicou que o centro conta cun salón de actos para uso docente no que se desenvolven actividades moi diversas sobre artes escénicas. A sala mantén as súas instalacións iniciais con ampliacións e modificacións desde a súa orixe, polo que desde a dirección do centro e da Xunta considerouse necesaria unha intervención de mellora integral.

 

A actuación prevista, explicou Gonzalo, consistirá na renovación de acabados e instalacións básicas do salón de actos e da escena, así como a renovación da cuberta deste corpo do edificio, ampliando a zona de escena para mellorar as prestacións da caixa escénica.

 

No salón de actos renovaranse na súa totalidade os acabados incluíndo os recubrimentos de paredes, falso teito e pavimentos. Mellorarase o chan do patio de butacas xerando un chan continuo para a instalación dun novo mobiliario de butacas, con maior liberdade de disposición.

 

Na disposición da plataforma do patio de butacas, recóllese a localización dunha plataforma horizontal necesaria para a instalación de mesas de control para o desenvolvemento das actividades da escena.

 

As paredes laterais do salón cubriranse cun zocalo de taboleiro de madeira, resistente para mellorar a súa durabilidade e para darlle un bo acondicionamento acústico á parte baixa da sala. A partir deste zócalo as paredes cubriranse con paneis de material absorbente. O teito do salón de actos, por tanto, leva ese mesmo acabado dando continuidade á parte alta das paredes e ao teito.

 
O escenario do salón de actos dispón na actualidade dun escenario de desigual altura interior que o patio de butacas e disponse aberto á sala. Estas condicións minoran as prestacións do espazo desde o punto de vista da práctica docente. Por iso, proponse a modificación deste espazo para dispoñer das condicións que favorezan a implementación das actividades docentes necesarias. Así, ampliarase a altura interior para a instalación de elementos de escenarios e a necesidade de decorados teatrais e modificarase a iluminación. Deste xeito, xerase unha caixa escénica para dar a posibilidade de desenvolvemento desas actividades teatrais. Para conseguilo modificarase a xeometría  da cuberta para dar cabida á tremoia de iluminación, decorados e á instalación do acceso a esta parte da actividade.

 

Trenor apuntou que esta mellora integral permitirá recuperar e multiplicar as posibilidades deste salón de actos e subliñou que esta actuación inclúese dentro do  Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que ten por obxectivo adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

 

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

 

Imaxes relacionadas