Fernández-Tapias entrega o premio a Iván Fernández, da Uvigo, como mellor orador do I Torneo Nacional de Debate

A delegada da Xunta en Vigo felicitou a todos os participantes polo éxito do evento e tamén á Universidade de Santiago tras proclamarse gañadora do torneo e clasificar para a Liga de España de Debate

Vigo, 27 de novembro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este domingo na entrega de premios do I Torneo Nacional de Debate UVigo, organizado pola Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo e no que participaron equipos de diferentes universidades españolas entre os días 25 e 27 de novembro.

 

A representante autonómica felicitou ao equipo gañador da Universidade de Santiago e ao estudante Iván Fernández, da Universidade de Vigo, que se proclamou Mellor Orador.

 

Un total de dez equipos de sete universidades (Vigo, Santiago, A Coruña, Baleares, CEU Barcelona, Xaén e Cunef Madrid) disputaron por primeira vez este torneo na cidade e o equipo compostelán logrou o seu pase á Liga España de Debate Universitario 2023 tras vencer a Vigo na final.

 

O Edificio Redeiras do Berbés e a Escola de Enxeñería Industrial de Torrecedeira acolleron o torneo. O venres e sábado debateuse no Edificio Redeiras, alí realizáronse todas as roldas de fase de grupos, os cuartos de final e as semifinais. Posteriormente este domingo a final do torneo e o acto de clausura levouse a cabo no salón de actos de Enxeñería Industrial.

 

Imaxes relacionadas