A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o feirón de Melide

A Xunta e Ecoembes colaboran na campaña Separar con Xeito co reto de achegar a reciclaxe de envases a 300 feiras e eventos gastronómicos en toda Galicia

A iniciativa busca impulsar a economía circular, a través do depósito de envases de plásticos, latas e briks no contedor amarelo e dos envases de papel e cartón no azul, e concienciar á sociedade dos beneficios que ten reciclar para o medio ambiente

Ángeles Vázquez subliña que eventos tan populares e arraigados como o que visitou hoxe son o escenario ideal para desenvolver accións de sensibilización como esta

Melide (Santiago de Compostela), 27 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia e Ecoembes, organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases no contedor amarelo e azul, colaboran un ano máis na campaña Separar con Xeito, coa que agardan poder chegar a un total de 300 feiras e eventos gastroculturais na Comunidade ata o próximo verán. Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o posto informativo instalado no marco desta iniciativa no feirón de Melide, que se celebra o último domingo de cada mes e congrega a unha gran cantidade de veciños do municipio e da contorna.

 

Durante o seu percorrido pola feira, a responsable autonómica subliñou que o obxectivo desta iniciativa é, por un lado, impulsar a economía circular a través da reciclaxe de envases no contedor axeitado (os de plástico, latas e briks no de cor amarela e os envases de papel e cartón, no azul), ademais de concienciar aos cidadáns sobre a importancia que ten interiorizar este hábito para o coidado do entorno, o medio ambiente e a biodiversidade xa que permite converter os residuos en novos recursos, dándolles unha segunda vida.

 

A tal fin, nas distintas feiras e eventos gastronómicos, festivos, musicais e culturais polos que se desprace contarán con papeleiras amarelas e azuis dispoñibles para facilitar a correcta separación dos residuos que se xeren durante estas celebracións. Así mesmo, tamén haberá postos informativos atendidos por monitores para ofrecer información útil e práctica a quen se achegue ata eles, e animadores que percorrerán estes espazos para informar e resolver dúbidas sobre onde depositar cada residuo e realizar actividades formativas sobre reciclaxe dirixidas aos asistentes.

 

Neste sentido, Ángeles Vázquez declarou que este tipo de eventos tan populares e arraigados en Galicia, “poden chegar a xerar unha gran cantidade de residuos” e, en particular, de envases e de plásticos. Por iso, considerou oportuno e necesario retomar unha campaña que xa en edicións anteriores demostrou a súa “grande efectividade” xa que permite informar á cidadanía sobre a correcto reciclaxe dos envases a través dunha experiencia próxima, directa e nun entorno coñecido e cotiá.

 

De feito, cómpre lembrar que Separar con Xeito estivo presente xa en máis de 1.300 eventos de carácter gastronómico entre os anos 2018 e 2019, pero quedou paralizada por mor da pandemia da Covid. O pasado mes de agosto retomouse co gallo do Festival da Luz de Boimorto, onde ademais do posto informativo tamén se desenvolveron diferentes actividades e xogos relacionados coa reciclaxe de envases lixeiros.

 

No marco desta nova edición, xa se levou a cabo ata o momento nun total de 30 eventos, cunha media de participación de 100 persoas por actuación.

Imaxes relacionadas