A Xunta apostará en 2023 pola modernización, dixitalización e proxección exterior da cultura galega

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa nas actividades da feira que remata hoxe tras catro días de intensa actividade profesional e para o público


Avanza que o Goberno autonómico porá en marcha novas iniciativas o vindeiro ano cun investimento que supera os 104 millóns de euros, un 8,5% máis que en 2022

 

Pontevedra, 27 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia apostará en 2023 pola modernización, dixitalización e proxección exterior da cultura galega para seguir afianzando a súa recuperación. Así o manifestou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na última xornada da feira Culturgal na que o Goberno galego repite como principal entidade patrocinadora.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades avanzou que todos os sectores, tanto musical, como audiovisual, artes escénicas e plásticas ou libro, verán reforzado o seu apoio con iniciativas como un novo proxecto de internacionalización e dixitalización do sector literario de Galicia, o aumento do investimento das actividades dos museo, o novo programa Xeración Cultura ou a Galicia Film Commission. En concreto, destacou que o investimento para a Cultura supera en 2023 os 104 millóns de euros, un 8,5% máis que en 2022.

Tamén salientou a importancia que terán na programación cultural da Xunta distintas efemérides, entre as que destaca o Ano Picasso para celebrar o 50 aniversario do seu falecemento e que incluirá unha gran exposición no Museo de Belas Artes da Coruña.

 

Anxo M. Lorenzo participou precisamente hoxe nunha das últimas citas doutra efeméride, o centenario de María Casares, coa presentación do documental Tralos pasos de María Casares, de Sabela Hermida e Isabel Blanco, e que conta co apoio da Xunta. O director xeral felicitou a ambas por “contribuír a impulsar o coñecemento de María Casares e divulgar o seu traballo entre o gran público desde diferentes linguaxes”.

Colección de lectura fácil de Galaxia

A actividade da Xunta nesta última xornada da feira inclúe tamén a participación da directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, na presentación da colección de lectura fácil da Editorial Galaxia, con distintas publicacións adaptadas de obras de Xosé Neira Vilas, así como da web/app Play Ari[t]mar, que promove entre a xuventude a música e poesía galega e portuguesa.

 

Igualmente, a Consellería de Cultura programa este domingo espectáculos como a proposta de fantasía, humor e poesía visutal Cubo, de Elefante Elegante; a presentación do novo disco da orquestra de ukeleles, Ukestra do medio; a iniciativa de xogos verbais, cancións, contos e monicreques Petiscos de lingua, de Migallas Teatro, ou a proposta escénica de Producións Teatrais Talía A Parábola do Angazo.

 

Do mesmo xeito, ofrécense os obradoiros O lar das palabras, con Capicúa 360, para practicar a lingua xogando; Rapeando, con Esther Carrodeguas, e outra proposta sobre instrumentos tradicionais no expositor da Xunta.

Unha trintena de propostas

Nesta 15ª edición de Culturgal, da que a Xunta volve ser principal entidade patrocinadora, contribúe a súa programación cunha trintena de obradoiros, presentacións, concertos e representacións escénicas, que se desenvolven tanto no stand institucional, que estrea novo deseño, como no resto dos espazos do evento.

Imaxes relacionadas