A Xunta participa en Marín no remate das actividades da Federación Galega de Boxeo ao abeiro do Plan Corresponsables que superou todas as expectativas

O programa chegou a 150 concellos cun orzamento de 2,5 millóns de euros e a Xunta de Galicia xa traballa na súa segunda edición

O secretario xeral para o Deporte destaca a importancia de transmitir valores como o respecto, a tolerancia e a igualdade entre os máis novos

A secretaria xeral da Igualdade asegura que iniciativas coma esta reforzan o apoio ás necesidades de conciliación das familias, así como outros eixos de actuación relacionados coa creación de emprego ou co fomento da corresponsabilidade

Marín (Pontevedra), 26 de novembro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron na mañá de hoxe na clausura das actividades levadas a cabo pola Federación Galega de Boxeo ao abeiro do Plan Corresponsables que, desde o mes de xuño, puxo a disposición das familias galegas actividades de animación socio deportiva, habilitando servizos de coidado profesional de nenas, nenos e mozos de ata 16 anos inclusive, a través do desenvolvemento dos distintos programas deportivos de 18 federacións galegas, para mellorar a vida cotiá dos galegos e galegas equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

 

No ecuador do programa, no mes de setembro, xa se tiñan superado todas as expectativas iniciais: 12.369 menores beneficiados (cunha previsión de 8.000), 1.759 actividades (inicialmente, 500) e a contratación de 889 persoas monitoras (250 previstas). O programa chegou a 150 concellos e contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros e a Xunta de Galicia xa traballa na segunda edición do Plan.

 

O secretario xeral para o Deporte destacou a importancia deste programa que incide nos valores que transmite o deporte como o respecto, a tolerancia e, sobre todo, a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Un aspecto máis importante, se cabe, un día despois da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

 

Neste sentido, Lete Lasa, animou aos máis de 300 rapaces e rapazas que participaron na competición de boxeo de Marín a “colaborar nas tarefas domésticas xa que a conciliación e a corresponsabilidade é un traballo de todos e de todas”.

 

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor o acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Vicepresidencia Segunda a través da Secretaría Xeral para o Deporte o pasado mes de marzo que, cun investimento de 3,5 millóns de euros, no marco do Plan Corresponsables. A iniciativa, en palabras da secretaria xeral, permite articular “un mecanismo saudable” para reforzar o apoio ás necesidades de conciliación das familias, así como outros eixos de actuación relacionados coa creación de emprego ou co fomento da corresponsabilidade.

 

Tras o seu paso polas federacións deportivas galegas de baloncesto, balonmán, bolos, boxeo, esgrima, fútbol, halterofilia, hóckey, loita, montañismo, piragüismo, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, triatlón e vela, o Plan Corresponsables chega agora ás tres universidades galegas cun orzamento total de 585.000 euros.

 

Federación Galega de Boxeo

En total, preto de 400 nenos e nenas participaron na decena de actividades propostas pola Federación Galega de Boxeo. Estas actividades, completamente gratuítas, posibilitaron unha mellora na concentración e nos hábitos dos menores, así como a conciliación de familias nunha situación económica complexa.

 

Ademais destas actividades, nas que se entregaron 200 pares de luvas e 300 camisetas, nos meses de xullo e agosto a Federación Galega de Boxeo puxo a disposición das familias os clubs e as instalacións do Plan Corresponsables a custe cero. Como resultado de todas estas accións, máis do 40% dos mozos e mozas queren continuar practicando boxeo.

Imaxes relacionadas